Publicidade

O CIM atendeu 102 consultas por violencia machista no que vai de ano

Concello e IES Antón Losada Diéguez teñen previstos actos polo 25N

O Centro de Información á Muller (CIM) da Estrada atendeu no que vai de ano a 158 mulleres, xerando 419 consultas. Delas, 102 foron consultas en materia de violencia de xénero. Unha cifra que pon de relevo a importancia do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra este mércores con diferentes actos no municipio.

O CIM da Estrada, un servizo público e gratuíto de atención especializada creado no ano 2003 neste municipio, viu medrar nos últimos anos o número de consultas que recibe, chegando ás 500 anuais. Dende a unidade atribúen esta aumento á propia consolidación do servizo e a un maior coñecemento dos recursos que ofrece por parte da veciñanza.

As 102 consultas relacionadas coa violencia machista deste 2026 refrendan que non existe un perfil tipo entre as mulleres que buscan axuda. Esta problemática afecta a mulleres con perfís, circunstancias e situacións moi diferentes.

016

Teléfono contra a violencia machista

Se ben atenden a mulleres de todas as idades e condicións sociais, detectaron que a concienciación sobre a necesidade de pedir axuda ante este tipo de situacións é máis frecuente en mulleres con idades máis avanzadas.

O CIM foi concibido para ofrecer asesoramento xurídico, atención psicolóxica e orientación sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade efectiva entre homes e mulleres. No caso da violencia de xénero, traballan en estreita coordinación con todos os axentes implicados e a través do protocolo ditado pola Mesa Contra a Violencia de Xénero. A relación e comunicación é moi estreita coa unidade de VIOXEN da Garda Civil e tamén cos profesionais do centro de saúde estradense e os xulgados.

Acto público polo 25N

Como é habitual, este mércores o Concello celebrará unha concentración aberta a toda a cidadanía con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Será na Praza da Constitución ás 20.00 horas.

Nel formarase un símbolo feminino con velas brancas en lembranza das vítimas da violencia de xénero. Lerase un manifesto que foi consensuado polos catro partidos con representación no Pleno. Nel reivindícase a necesidade de manter a unidade política e social fronte a esta lacra, afastando calquera utilización partidista dunha causa que debe situar sempre as vítimas no centro. Así mesmo, reclama avances lexislativos e un incremento dos recursos destinados a garantir a súa protección.

Actos no IES Antón Losada Diéguez

O IES Antón Losada Diéguez tamén celebrará esta data. Ás 12.00 horas retransmitirán a través da súa canle de YouTube o manifesto elaborado polo alumnado de 1º de Bacharelato. Farán unha intervención artística e reivindicativa coa colocación de paraugas violetas con lemas sobre o tema elaborados polo alumnado.

O pasado luns entregaron os premios do concurso de carteis do 25N, que é o encargado de ilustrar o cartel das actividades do centro. O traballo gañador foi o elaborado por Enma Villanueva Simón, alumna de 4º da ESO.

Imaxe de portada: actos do 25N de 2025 // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta