
O candidato do PP ao Congreso dos Deputados, Pedro Puy, visitou este mércores a feira da Estrada. Dende alí denunciou o “abandono” do Estado ás infraestruturas da súa propiedade na Estrada. Puy asegurou que “o que fixo o Goberno de Pedro Sánchez pola mellora da seguridade viaria na N-640 na Estrada é o claro exemplo do que fixo en toda a provincia de Pontevedra: nada de nada”.
Lembrou que preguntaron en tres ocasións sobre a N-640 e a variante, mais que non se tomaron medidas para reducir a súa perigosidade. “Entendemos que o proxecto da variante da Estrada é dunha tramitación complexa, aínda que se non se move un papel en oito anos é imposible que chegue a bo porto”, criticou. Engadiu que “hai actuacións e investimentos rápidos e efectivos na estrada matriz para mellorar a seguridade da N-640 que tamén se esqueceron por completo e así cada pouco vemos que hai accidentes graves sen visos de solución”.
En canto a promesas electorais, asegurou que, no caso de gobernar Feijóo, atenderase “a Galicia como se merece” e fará “un importante esforzo en materia de mantemento de infraestruturas”, posto que comprometeuse a adicar “300.000 millóns de euros” nos vindeiros anos en toda España.
Imaxe de portada: //PP


Deixa unha resposta