Publicidade

Os colexios decorarán o Bosque de Nadal do Concello

A maxia da decoración de Nadal da Estrada trasladarase aos colexios da Estrada. Serán os escolares os que decoren sete das nove árbores que compoñen o Bosque Máxico. Este xoves comezou a montaxe da árbore de 22 metros na Farola, onde este venres terá lugar o acendido do alumeado.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, explicaron que o Bosque Máxico que se está montando na Praza da Constitución constará de nove árbores. Dúas foron decoradas polo Concello, mentres que as sete restantes farano os escolares dos sete colexios da Estrada.

A proposta trasladóuselle aos equipos directivos. Cada colexio, xunto co seu alumnado, artellará a decoración que colocarán na súa árbore, que terá 2,5 metros de alto. Os motivos decorativos son libres, mais tense que ter en conta que estarán en exteriores. O xoves 17 os escolares trasladaranse ata a praza para decorar a árbore que lles corresponde.

Acendido na Farola

Este venres ás 19.00 horas acenderase o alumeado cun acto na Farola. Alí comezouse este xoves a montar a árbore de 22 metros de alto que presidirá a praza.

O acendido servirá para apoiar á Fundación Andrea. As 100 primeiras persoas que realicen unha achega de cinco euros ou máis para colaborar con ela recibirá unha caixa de bombóns da edición especial Noelia, impulsada pola familia da estradense Noelia Gestoso para apoiar a investigación contra o cancro. O Concello adquiriu estas caixas para contribuír a esta causa e agora utilizará esta iniciativa para agradecer tamén a colaboración da veciñanza coa Fundación Andrea.

O acto rematará cunha actuación da banda xuvenil da Banda Municipal da Estrada.

Imaxe de portada: montaxe do Bosque Máxico, este mércores // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta