O 12 de decembro de 2023 nacía O Xornal da Estrada. Tras un ano de constante crecemento no que se levaron a cabo iniciativas como a enquisa sobre o uso do galego entre os adolescentes estradenses, os debates sobre o antigo Centro de Saúde, a peonalización da Farola ou a seguridade viaria na N-640, na PO-841 e na PO-213 ou a emisión en directo do reconto dos votos do referendo da Farola e do acendido do alumeado de Nadal, chegan varias novidades.
A máis significativa é a inclusión de Forcarei no seu radio de acción, podendo chegar así a calquera punto da comarca.
Ademais, todas as semanas publicaráse en Youtube o Xornal semanal, un vídeo de pequena duración cos titulares máis destacados da semana.
A previsión meteorolóxica diaria, que se publica nas historias de Facebook e Instagram e nas canles de Telegram e WhatsApp, contará con novos grafismos, que serán máis acordes á imaxe actual do Xornal da Estrada.
Por último, creouse un perfil na rede social Bluesky, unha das consideradas alternativas a X. Desde el poderáse acceder ás noticias que se publiquen nesta web.
Deste xeito, O Xornal da Estrada continúa ofrecendo posibilidades para chegar a máis lectores manténdose o máis actualizado posible. Amais, ofrécese a posibilidade de que, os que non seguiron a actualidade da semana, a poidan coñecer en poucos minutos.


Deixa unha resposta