O nome oficial estará gravado no chan da praza
Este venres desvelouse o anteproxecto gañador para a peonalización da Praza da Farola, oficialmente Praza de Galicia. Foi o presentado por Galaicontrol, que agora contará cun mes para redactar o proxecto definitivo e, asi, poder estrear a nova praza no 2025.
Para que o espazo poida “ser diáfano” será necesario trasladar o icónico farol ás proximidades da estatua da Rapa das Bestas, que se manterá na ubicación actual. Ambos estarán colocados no interior da illeta, unha zona “que gañará importancia”.
A praza estará feita con formigón e pedra, mantendo a estética acadada coa peonalización do centro. Co formigón faráse un círculo en recordo da actual rotonda e nel inscribiráse o nome oficial da praza.

Esta vaise ir “abrindo en forma de anfiteatro” para representar que será un espazo para celebrar eventos e concertos. A zona estará decorada con xardineiras, nas que se manterán as árbores actuais. As principais serán as que se situarán nas proximidades de Calvo Sotelo e Don Nicolás e e da zona pola que circularán os vehículos. Ademais, colocaráse unha pequena fonte e intentaráse aproveitar os bancos xa colocados.
A zona destinada ao tráfico rodado contará cun tramado de formigón e pedra para indicar que é unha zona peonil. A parada de taxis manteráse na rúa 56 e, a zona de aparcamento adaptado, colocaráse nesa zona. A carga e descarga situaráse na rúa San Paio.
As luminarias das beirarrúas retiraránse para colocar outras que permitan iluminar todo o espazo e, tal e como confirmou Gonzalo Louzao, “empregaránse para repoñer outras” que están danadas ou foron derrubadas polos vehículos.

Non só é a praza
Amais da praza, reformaráse parte das rúas 56, San Paio e Don Nicolás e a rúa Vega de Armijo ao completo, aplicando o mesmo deseño que se empregará na Farola.
Máis que unha farola
Este domingo ás 19.00h O Xornal da Estrada publicará na súa canle de YouTube a reportaxe A Farola, máis que unha farola, na que se repasará o pasado, presente e futuro desta praza.
Imaxe de portada: A nova Praza de Galicia // Galaicontrol


Deixa unha resposta a Reices acusa ao PP de seguir coa “política ‘Terminator’” – O Xornal da Estrada Cancelar a resposta