Publicidade

A Deputación aprobará un investimento de 1 millón de euros para as vías do rural

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao e o presidente da Deputación, Luis López Diéguez ‘Lugués’, visitaron na mañá deste luns Santeles para anunciar o investimento que fará a institución provincial para asfaltados e bacheos no rural e que se aprobará este venres na xunta de goberno da Deputación.

“Non todos os días se leva á xunta de goberno da Deputación un millón de euros en obras de mantementos de vías, 800.000 para asfaltados e 200.000 para bacheos”, comentou Louzao. Recoñeceu que “sabemos que son moi insuficientes, pero son unha liña que queremos seguir” e lembro que, en total destinaránse 2 millóns de euros, contando o investimento de 800.000 euros para asfaltados aprobado hai unha semana.

En total, contando ambos plans, asfaltaránse 75 vías rurais e parchearánse 200. Sobre os bacheos comentou que este ano “quixemos
facelo de xeito profesional”, contratando a empresas e non como parte dos obradoiros de emprego.

Louzao marcouse como obxectivo “que deamos chegado a todos os recunchos, que nos marquedes as necesidades e que, coa alianza das administracións, poidamos ir priorizando e facendo o investimento por fases”.

Por outra banda, López Diéguez destacou que Louzao sempre lle puxo enriba da mesa a necesidade de labores de mantemento da rede viaria. Lembrou que a rede viaria asfaltada alcanza os 2000 quilómetros.

“Facede a conta porque, destes dous proxectos, un de máis de 700.000 euros é para aglomerar. Aquí o alcalde non opta por un triple rego ou unha gravilla, non. Aglomerar. E iso quere dicir que vos quere deixar unha rede viaria para moitos anos”

Luis López Diéguez, presidente da Deputación

O presidente da Deputación animou aos veciños que se achegaron ao campo da festa de Santeles a botar contas, porque “cada quilómetro de aglomerado custa, máis ou menos, 70.000 euros. Con 2.000 quilómetros, imaxinade a de millóns de euros que precisamos para telas todas listas. Así que, o Concello o que fai é ir pouco a pouco”.

“Penso que non hai ningunha estrada en Santeles que estea peor que a N-640. Non sodes merecentes disto”, asegurou López Diéguez.

Ademais, resaltou que, no que vai de ano, a Deputación destinou 2,8 millóns de euros á Estrada. Destes, 1,8 millóns son do Plan +Provincia e destinaránse ao mantemento da rede viaria, 200.000 euros son para infraestrutura deportiva e, os 800.000 euros restantes, para a peonalización da Farola.


Imaxe de portada: Luis López Diéguez e Gonzalo Louzao cos veciños que se achegaron ao campo da festa // Deputación de Pontevedra

Comentarios

Deixa unha resposta