O PP rexeita a urxencia da  moción do BNG sobre os eólicos e adiántase o pleno de xullo

O PP rexeita a urxencia da  moción do BNG sobre os eólicos e adiántase o pleno de xullo

Este xoves celebrouse o pleno correspondente ao mes de xuño. Na orde do día só estaba a moción de urxencia presentada polo BNG en relación ao eólico de Ventoburgo, que afectaría, principalmente, aos montes de Liripio, aínda que tamén aos de Sabucedo.

A urxencia deste foi rexeitada polo PP, polo que non se tratou este asunto. Aínda así, Gonzalo Louzao sinalou que é unha cuestión que reviste un carácter urxente e que, de feito, existe prazo dun mes para presentar alegacións, polo que xa contrataron unha empresa para redactar a alegación.

Segundo Xoán Reices, voceiro do BNG, a negativa sería “para non darnos o mérito de levala [a moción de urxencia]”. “A verdade é que nos parece que non ten xustificación non a entrar a debater unha proposta que serviría para darlle visibilidade a esta cuestión, e para mostrar o rexeitamento explícito e por escrito de toda a corporación como conxunto”, engadiu.

“Con outras cuestións, consideran importante mostrar unidade e presentar unha moción conxunta. Con esta, non. Curioso”

Xoán Reices, voceiro do BNG

Nunha xunta de voceiros previa ao pleno acordouse adiantar o horario da sesión ordinaria do mes de xullo para garantir que todos os concelleiros poidan asistir á Gala na Honra aos Aloitadores (xoves 3, 21.30h, Campo do Medio de Sabucedo), que marcará o inicio da Rapa das Bestas. Deste xeito, o pleno, que tería que comezar ás 21.00h – xa se aplicaría o horario de verán -, faráo ás 19.00h.

En canto ao turno de rogos e preguntas, o PSOE abordou a incorporación á Mancomunidade Deza-Tabeirós. Segundo o voceiro socialista, Luis López Bueno, suporía “plegar á Estrada” a un “intento de estafa do señor Crespo” (alcalde de Lalín). Pola súa banda, Gonzalo Louzao defendeu esta iniciativa, asegurando que desde a Xunta de Galicia deixaron ben claros os ingredientes necesarios para o bo funcionamento da organización supramunicipal.

O BNG preguntou polo cartel do IES Avelina Valladares, que a comunidade educativa leva todo o curso reclamando. Louzao desvelou que será o Concello o que asuma o custo de colocalo e, a cambio, “recibiremos algo” da consellería. Tamén comentou, en resposta a outra pregunta do voceiro nacionalista, Xoán Reices, que están buscando a forma de colaborar nalgún acto co Concello de Rianxo na conmemoración do Ano Castelao.

Reices solicitou que se celebre algún acto de lembranza dos mártires da Estrada, coincidindo co 88 aniversario do seu asasinato. Por último, en relación a dúas preguntas clásicas do BNG, o mandatario indicou que non se produciron avances na posible construción dun aparcadoiro para camións e na situación da Torre de Guimarei.

Desde Móvete, Mar Blanco lamentou o estado no que se atopa o matadoiro de Penerada, sendo punto habitual de verteduras de lixo e pediu que se lle dea un novo uso. Louzao coincidiu con ela na necesidade de mudar a situación e lembrou que se asenta sobre solo rústico. Engadiu que, en numerosas ocasións, os empregados municipais achegáronse para retirar as verteduras, tendo que deixar de facer outras labores.

O alcalde tamén foi cuestionado pola praia fluvial de Liñares, “que se atopa no mesmo estado que cando pechou”. El respondeu que este mes abrirá á celebración de eventos e, en xullo, inaugurará a tempada de baño e contará con socorrista.

Imaxe de portada: montes de Liripio // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo