Emulando a crónica que publicamos no Xornal da Estrada o 26 de maio sobre a victoria do Estradense ante o Noia, podemos afirmar que ser do Estradense é crer no ascenso ata o final.
Este sábado ás 19.00h o equipo da Estrada enfróntase ao Sarriana na volta da segunda rolda. Neste partido os locais teñen que gañar por unha diferencia igual ou superior a 2 goles para poder pasar á final nacional, na que se enfrontarían a un equipo murciano.
O cántico de moda, o “que si, j****, que vamos ascender”, e ao que seguen varios “si se puede” xa se deixaron escoitar esta semana no Novo Municipal. E é que parte da afección doulle unha sorpresa aos xogadores no primeiro adestramento tras a derrota en Sarria.
Este sábado volverán escoitarse nun partido e nun recibimento dos xogadores que se agarda que sexan históricos.
Para este partido, e tendo en conta que se celebra coincidindo coa sesión de tarde da Feira da Sidra, o equipo puxo a disposición dos asistentes ao partido tres buses lanzadeira que sairán da Farola e que os levará ata o campo. O primeiro sairá ás 17.00h para chegar ao recibimento dos xogadores e, os restantes, ás 18.00 e ás 18.30h, aínda que podería haber máis en caso de ser moi solicitado.
Así que lembren, este sábado A Estrada ten unha cita no “inferno roxillo”.


Deixa unha resposta