O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, aportou este martes máis detalles do proxecto de reforma da praia fluvial que se coñeceu o luns ao remate da reunión que mantivo co presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Que este proxecto se poida levar a cabo depende das reunións que manterá o mandatario coa Sociedade Deportiva Río Ulla, pois sería necesario que a cesión do espazo se amplíe a 50 anos.
Antes de emprender a procura dos fondos necesarios, comentou Louzao, consultouse aos servizos xurídicos cal sería a fórmula viable para empregar os fondos públicos neste espazo que é propiedade da citada sociedade estradense, recibindo como resposta que sería necesario ampliar a cesión dos 25 anos actuais aos 50, para así entender que os fondos provinciais ou autonómicos quedarían amortizados.
O rexedor indicou que xa lle trasladou a proposta á directiva da Sociedade Río Ulla e que a cuestión será exposta aos socios nunha reunión extraordinaria.
A intención do goberno que encabeza Louzao é realizar unha ambiciosa actuación na que, ademais de mellorar as zonas verdes, atenderáse a zona edificada – cos vestiarios e os baños -, a zona de estacionamentos, o peche frontal, a accesibilidade, os paseos interiores e o espazo para eventos.
Imaxe de portada: praia fluvial // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta a O regreso do vandalismo, folga de mestres e novidades nas obras da Farola – Xornal da Estrada Cancelar a resposta