Este ano foi no propio día. Na tarde deste martes o Concello da Estrada entregou os XXXV Premios San Martiño de Normalización Lingüística. Fíxoo nun acto presentado por Chus Fernández.
Este recoñecemento ao emprego da lingua desta terra comezou coa música da Requinta de Lampai. Sería María Ruzo quen lería a acta do xurado para, despois, comezar a entrega das esculturas do artista Manolo Vilaverde, que hai varios convertéronse en símbolo destes galardóns.
O programa O Recuncho da Lingua, de Radio Estrada, foi o primeiro en recibir este recoñecemento ao labor que fai en defensa e normalización da lingua galega. Conducido por Pilar Bernárdez, “ademais de promover o uso do galego entre a xente nova e de divulgar a obra de distintos referentes literarios estradenses, este espazo, de periodicidade semanal, é tamén un foco difusor da nosa historia, das nosas tradicións e da nosa cultura popular”, sinalou o xurado.
Iván Sanmartín, integrante do padroado destes premios entregoulle o premio a bernárdez e tras as palabras de agradecemento da mestra de Berres, foi o turno do Premio San Martiño Galicia Enteira. Recaeu no músico Abraham Cupeiro, especializado na recuperación de instrumentos ancestrais que utiliza para crear sonoridades. Do mesmo xeito, recuperou instrumentos tradicionais galegos e empregou a súa lingua nai ao longo da súa traxectoria artísitca. Recibiu o galardón nas mans do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Se falamos dunha persoa que defendeu o galego ao longo da súa vida esa é Ramiro Varela Cives, quen recibiu o San Martiño nesa categoría. Neste caso foi o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen fixo entrega deste premio ao médico estradense.
A seguir o mandatario escolleu o poema Miña xoia de Avelina Valladares para comezar a súa intervención. “Se xoia é Galicia, para a Cantora da Ulla e para todos nós, xoia é o noso idioma”. “É o galego o que nos convoca aquí cada ano, nuns galardóns que son unha mostra pequena, pero moi sincera, do recoñecemento e agradecemento da comunidade estradense a aqueles que fan da lingua non só unha bandeira, senón tamén unha ferramenta para a vida; para o día a día. Só así se pode edificar e garantir o seu futuro”, dixo o alcalde.
Referiuse a Pilar Bernárdez para agradecer a súa sensibilidade e traballo e tirou de ironía para identificar a especialización de Abraham Cupeiro. “A nosa lingua non é unha reliquia. Está moi viva e é un instrumento que segue vibrando e facendo vibrar cada vez que o tocamos”, sostivo.
De Varela Cives destacou que o seu traballo “discreto pero fondamente transformador, é a proba de que a normalización non se constrúe só con grandes xestos, senón co esforzo diario de quen cre na lingua e a fai presente en cada ámbito da súa vida”.
E se con música comezaron os galardóns, con música remataron. A Requinta de Lampai interpretou unha nova peza, poñendo así o broche de ouro a esta entrega de premios.

Deixa unha resposta