Reices urxe o arranxo da PO-213

Reices urxe o arranxo da PO-213

Asegura que se atopa nun estado “insostible e de alto risco para a seguridade vial”

O voceiro do BNG da Estrada, Xoán Reices, urxiu que se arranxe a PO-213 (Aguións – Ponte Ulla), especialmente no treito comprendido entre o Areal de Berres e o cruce coa N-525, en Arnois, pois atópase nun estado “insostible e de alto risco para a seguridade vial”.

Lembrou que antes da última edición da Subida á Estrada reparouse o trazado da proba, quedando todo tramo que non pertencese ao percorrido sen melloras. “Coas choivias do inverno, o firme degradouse ata o punto de que é imposible circular a máis de 40 km/h sen comprometer a seguridade do vehículo”, explicou Reices.

“Non estamos falando só de comodidade, falamos de que por aquí pasa o transporte escolar e un tráfico pesado constante de camións. O PP de Rueda e o alcalde Gonzalo Louzao están permitindo que esta estrada sexa unha xincana perigosa”

Xoán Reices, BNG

Do mesmo xeito, recordou o encontro que mantiveron todas as forzas políticas coa veciñanza das parroquias afectadas polo mal estado e que se presentou unha moción conxunta para solicitar o arranxo. Ademais, acusou ao PP de ter rexeitado a enmenda presentada polos nacionalistas para a inclusión deste proxecto nos orzamentos.

O certo é que a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da consellería de Vivenda e Planificación de Infraestrutras abriu en decembro unha licitación para o arranxo desta vía, así como da PO-841 (A Estrada – Santiago) e da PO-840 (actuaráse en Agolada). A propia consellería anunciou este domingo nunha nota de prensa que a esta licitación presentáronse seis empresas e que a previsión é que se comecen as obras ao longo deste semestre.

Imaxe de portada: fochancas na PO-213 // BNG

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo