Publicidade

Patiñas da Estrada é o Momento Rebumbio do Ano

Recibirán o recoñecemento na gala dos Premios Rebumbio, que se celebrará o vindeiro xoves

Este xoves presentouse a segunda edición dos Premios Rebumbio, os galardóns que distinguen a comunicación dixital local. Organizados por Actual Comunicación, celebraranse o vindeiro xoves 16 ás 20.00 horas no MOME. Aproveitouse a presentación para anunciar que o galardón directo que entregan este ano, o Momento Rebumbio do Ano, vai parar á asociación Patiñas da Estrada.

Con este recoñecemento prémiase a aquel momento, acontecemento ou situación vivida no concello da Estrada que conseguise xerar unha especial repercusión social, entusiasmo e participación cidadá. Neste caso, indican dende Actual Comunicación, a elección obedece tanto á súa actividade constante en redes sociais a prol do coidado e protección dos animais coma, de xeito especial, ao “rebumbio” conseguido coa chamada de auxilio difundida pola protectora no caso da cadela Bombón.

Do mesmo xeito, tamén lembraron que está aberto o prazo para votar polo Estradense do Ano das Redes, primeiro e único galardón no que é o público quen decide a quen vai parar. O prazo para votar remata o martes 14 e pódese facer a través da web www.premiosrebumbio.com.

  • Hosteleiros da Estrada: Asociación dos propietarios de bares e restaurantes da Estrada, dedicada a promocionar a gastronomía e o sector hostaleiro local.
  • Agadea Alzheimer: ONG con máis de 30 anos de traxectoria que apoia persoas con Alzhéimer/demencia e ás súas familias en toda Galicia. Desenvolven proxectos de estimulación cognitiva, prevención e sensibilización e xestionan centros de día.
  • Imaxina e Axuda: Asociación xuvenil estradense enfocada na inclusión social de persoas con discapacidade física e na creación de alternativas de lecer saudable para a mocidade.
  • Sinfancia Lactante: Conta de Instagram e activismo de Cristina Porta, muller estradense e nai dun neno con múltiples alerxias. Delegada en Galicia da asociación AEPNAA, traballa na visibilización, educación e defensa dos dereitos de persoas con alerxias alimentarias.
  • Madeira do Losada: O ciclo formativo de Carpintaría e Moble do IES Antón Losada proporciona formación profesional práctica no oficio de carpinteiro e ebanista, promovendo tanto a formación técnica como proxectos creativos locais. Dan voz aos alumnos, que se converten en protagonistas dos contidos.
  • Emerxencias A Estrada: Servizo local de emerxencias baseado en voluntarios de Protección Civil. Utilizan redes sociais para avisos de perigo e consellos preventivos, mantendo á poboación informada.
  • Darlle Bolo: Asociación cultural de xente nova. Defenden o papel da arte como motor de cambio social e queren implicar aos mozos na vida cultural da vila.
  • Mellor uso do galego en redes: A Riala, Grupo Valenciaga e Namoreiras
  • Mellor uso do humor como recurso comunicativo: Thebes Moda, Irmáns Picaño e Un Valo no Castro Loureiro
  • Mellor difusión de negocio local en redes sociais: Piscina Agasp, Óptica Nova Visión e Pintaletras
  • Mellor comunicación deportiva: Non Vale Furar, Xandre Movemento, Carlota & Fonso
  • Mellor proposta educativa: Psicología de Ro, David Eyo e Madeira no Losada
  • Mellor iniciativa cultural: Coto Manguelo, Vagalumes e Imaxina e Axuda

Imaxe de portada: presentación dos galerdóns

Comentarios

Deixa unha resposta