Natural da Somoza, María Chao fixo este luns os 100 anos
Dende este luns María Chao Carracedo uniuse ao selecto club de veciños centenarios da Estrada. Nada o 13 de abril de 1926, esta veciña natural da Somoza era coñecida coma María da Carballeira, pasando a ser María da Abeleira cando casou en Tabeirós.
Tivo oito irmáns, dous fillos – Pepe e Fina da Abeleira -, tres netos – José Manuel, Roberto e Óscar – e tres bisnetos – Ana, Pedro e Mateo. Filla dun madeireiro, traballou toda vida como labrega, coidando a casa e coidando tamén a súa sogra, que botou tres anos e medio encamada.
Chega aos 100 anos moi ben, tanto física coma cognitivamente, aínda que ten que camiñar axudada por dous bastóns por mor dunha caída e por un xeonllo que leva varios anos resentido. Así e todo, iso non impide que cada día camiñe pola eira da súa casa. Un dos seus “segredos de saúde” é que toma unha cervexa diaria. Tamén bebe viño, aínda que ten que ser da casa. Durante moito tempo era ela quen o facía e agora encárgase de supervisar o proceso.
Gústalle ver a televisión e non perdoa ver o Telexornal e o tempo. Pero se hai algo que realmente lle gusta é conversar. Os que a coñecen saben que nunca a escoitarán contarche un problema ou falar mal de ninguén.
Celebración
Coma este ano o seu aniversario cae en luns, o pasado sábado familiares e amigos reuníronse no Pazo de Xerlís para celebralo. Ás 120 persoas que se atopaban no festexo, uníronse o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, quen fixeron entrega dun pequeno agasallo.
Imaxe de portada: entrega do ramo de flores a María Chao // Concello da Estrada

Deixa unha resposta