Analizar o camiño percorrido nestes dous primeiros anos de goberno é importante para afianzar a traxectoria dun proxecto que pon o equilibrio territorial e as persoas no centro.
Gonzalo Louzao Dono · PP
Esta semana tocou balance. Coido que, de cando en vez, é axeitado facelo. É un exercicio san, que nos axuda a observar o noso ronsel particular para comprobar se levamos a traxectoria que pretendemos, sen deixar que a inercia nos aparte do rumbo.
Desta volta foi o calendario o que marcou o momento de facer repaso. O 20 de abril fixen dous anos á fronte do Concello da Estrada. Penso que aínda non atinaría coas palabras para resumirvos o que sentín aquel día que cambiou a miña vida e que lembrei con agarimo o pasado luns. Houbo moito de emoción e de ilusión, pero mentiría se dixera que non sentín tamén o peso da responsabilidade ou, en certo xeito, a vertixe que inevitablemente se experimenta ao enfrontar situacións que esixen estar á altura.
Falei estes días do investido no rural nestes dous anos. Dixen que foi un investimento histórico e podo volver a dicilo sen risco a trabucarme. Dous anos atrás afirmei que quería ser un alcalde rural para un concello eminentemente rural. E esa non era unha frase feita, era unha declaración de intencións que hoxe podemos traducir en feitos.
Polo rural, precisamente, comecei o meu balance. Nestes dous anos traballamos para destinar ás parroquias -esas “50+1” que demos en chamar- arredor de 10 millóns de euros para mellorar estradas, servizos, infraestruturas e, en resumo, calidade de vida. Só en mellora da rede viaria municipal acadamos máis de 2 millóns de euros en 2025, unha cifra que prevemos superar amplamente neste 2026. A isto quixemos sumar unha aposta decidida polo tecido asociativo rural (800.000 euros en 2025 e previsión dun millón para este ano); unha nova liña de axudas para eventos culturais no rural ou o Obradoiro A Estrada Emprega Foresta que vimos de acadar, con plan de obra integramente deseñado para melloras nas parroquias.
Esta aposta obedece a unha filosofía de goberno: A Estrada non se entende sen as súas parroquias. E, neste senso, quero poñer o acento en que non existen dúas realidades separadas, unha urbana e outra rural. Existe un único concello no que todas as persoas merecen as mesmas oportunidades, vivan onde vivan.
Oportunidades
Ese concepto de igualdade territorial enlaza directamente coa idea que resume o modelo de concello que estamos a construír: unha Estrada de oportunidades. Un lugar onde vivir non sexa unha renuncia, senón unha elección; onde se poida traballar, emprender, formar unha familia e desenvolver un proxecto vital con garantías.
Para avanzar nese camiño hai tres ámbitos que considero decisivos: as comunicacións, o solo empresarial e a vivenda. Tres piares que non son independentes entre si, senón pezas dun mesmo engrenaxe que debe funcionar de maneira coordinada para xerar futuro. Nesa liña vimos traballando estes dous anos e seguimos avanzando con ese rumbo.
Cremos firmemente en que a proximidade a Santiago de Compostela é unha fortaleza que temos que aproveitar. E, nese senso, a chegada da autovía AG-59 marcará un antes e un despois. Está todo en marcha para acadar o obxectivo de que no ano 2028 a viaxe entre A Estrada e a capital galega se reduza a apenas 10 minutos. A Estrada vai estar máis preto de Compostela que nunca e estou convencido de que iso nos vai colocar nunha situación privilexiada para atraer poboación, empresas e novas oportunidades.
Do mesmo xeito, o impulso ao solo empresarial é unha aposta polo emprego e pola capacidade de atraer novos proxectos. Un concello que ofrece oportunidades laborais é un concello que fixa poboación, que xera dinamismo e que constrúe futuro. A ampliación pública do polígono de Toedo enlaza con esta estratexia. Neste segundo ano de goberno estivemos traballando da man da Xunta neste ambicioso proxecto e podo adiantarvos que as reservas de solo que xa están avanzadas confirman o que todos nós sabiamos xa: A Estrada interesa.
E xunto a todo isto, a vivenda. Porque falar de oportunidades tamén é falar de facilitar que a mocidade poida quedar e que novas familias poidan chegar. Agardamos que iniciativas como a de creación de 28 novas vivendas de promoción pública sirva de cabeza tractora para que novos proxectos privados en materia de vivenda veñan detrás.
Para as persoas
Este segundo ano de mandato deixounos tamén avances en infraestruturas, servizos e espazos públicos que contribúen a facer da Estrada un lugar máis amable, máis accesible e máis pensado para as persoas. Porque se algo define a nosa forma de entender a política é a vontade de poñer á veciñanza no centro de cada decisión. Cada proxecto, grande ou pequeno, busca mellorar a vida diaria da xente.
E se importante é facer balance, tamén o é mirar cara adiante. Temos por diante retos ambiciosos, novas oportunidades e proxectos transformadores, como os que nos brindan os fondos europeos do Plan EDIL, tanto para o rural como para o casco urbano.
Hai dous anos asumín esta responsabilidade coa convicción de que un futuro cheo de oportunidades para A Estrada estaba por vir. Hoxe sigo pensando o mesmo. Con toda a humildade e consciente de que o traballo é a clave para todo. Sabemos de onde vimos e a onde queremos chegar.


Deixa unha resposta