Publicidade

The place to be

Luis López Bueno · PSOE

Os veciños e veciñas da Estrada vivimos atrapados nunha dinámica de promesas repetidas, anuncios sen continuidade e un favoritismo cara tres rúas da vila que xa é demasiado evidente.

Vén de inaugurarse a renovada Praza de Galicia, (A Farola).  Eu estou dacordo coa reforma, o que era unha rotonda agora é unha praza e iso está ben. Gustaríame ver máis verde? Gustaríame un pequeno pulmón urbano con árbores e sombra? Pois tamén, pero isto é unha opinión.

Esta inauguración (discurso, foto e orquesta mediante) súmase a outras actuacións en tres rúas da vila que cambian de papeleiras e bancos cada tres anos, que reciben servizo de limpeza profunda de cando en vez e que son “the place to be”. 

Non podo evitar pensar na pouca inversión do actual goberno no resto de rúas da Estrada. Parece que todos vivimos nesas tres rúas, que todo o demais non existe. Parece que a redistribución da riqueza non opera na Estrada.

Un exemplo é a Carballeira de Melania. Levamos anos lendo anuncios sobre a súa posta en valor. Eu estou dacordo, o que é un solar descoidado pasaría a ser un espazo verde para todos. Porén, o tempo pasa e a realidade é teimuda: non hai avances visibles nin unha folla de ruta que diga “Tal día ábrese a Carballeira”. Disque hai 200.000 euros no orzamento municipal para levalo adiante. Xa veremos. Eses mesmos 200.000 euros xa estaban orzamentados en 2023 e aquí seguimos.

A situación no entorno da Avenida de Pontevedra e Avenida de Santiago está igual. Son zonas fundamentais do casco urbano que non recibiron practicamente investimento en décadas. Só se asfaltou, non se abre un parque nin se repoñen beirarrúas. Son espazos urbanos que parecen estancados nos anos oitenta, con deficiencias máis que visibles.

Ademais, José recollera o guante que lle lanzamos dende o PSOE para recuperar o Centro de Saúde antigo. Con Gonzalo seguimos tendo un edificio practicamente abandonado e unha zona do casco urbano en depresión social e económica.

Na Avenida de América prevíase un gran desenvolvemento urbanístico. Pois de momento está como estaba. Tamén había orzamento reservado para iso, seica. Non deixa de ser unha mala nova, é o síntoma de que na Estrada constrúese pouco porque apenas se vende. Ademais, este goberno nunca valorou outros desenvolvementos que serían interesantes: Por que A Estrada non pode medrar cara a Avenida Fernando Conde? 

Con isto non trato de facer oposición por facer oposición. Penso de verdade que temos un goberno incapaz de establecer prioridades de longo prazo. Non imaxinan como é A Estrada de dentro de 20 anos, fan obras para a foto. 

E hai outros exemplos moito máis do día a día. Para traer a París de Noia hai cartos pero para poñer un punto de luz que pide un veciño, seica non. Para pagar as fotos de Gonzalo hai cartos pero para tapar os buratos nas rúas do casco urbano, non quedan.

É unha reflexión, nós cremos na inversión por barrios, cremos na participación cidadá e pensamos que o Concello debe invertir para todos, non só en tres rúas.

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo