As parroquias máis afectadas foron Souto e Frades
O lume arrasou 43,03 hectáreas no concello da Estrada en 2025. Isto é o que se desprende dos datos revelados por Praza.gal ao abeiro da Lei de Transparencia da Xunta de Galicia. En total rexistráronse 13 incendios forestais no termo municipal e afectaron a 7 das 51 parroquias.
A parroquia máis afectada foi Souto, con 28,32 hectáreas de monte calcinado, a maior parte delas entre o 10 e o 11 de agosto (28,23 ha.), cando se produciu o maior incendio forestal dende 2018. A superficie restante ardeu nos 13 días seguintes.
12,74 hectáreas arderon en Frades. 9,09 correspóndense co incendio que afectou a Requián o mesmo día en que se produciu o gran incendio de Souto. Outras 0,22 hectáreas arderon cinco días antes, o 5 de agosto. As 3,43 hectáreas restantes calcináronse no mes de marzo, nun incendio no que os efectivos de extinción tiveron dificultades para acceder a el por mor do mal estado no que se atopaban algúns dos camiños forestais.
En Oca as lapas arrasaron hectárea e media o 17 de agosto. En Codeseda rexistráronse dous lumes en agosto que, no seu conxunto, queimaron 0,29 hectáreas. En Arnois produciuse en xullo un incendio de pequenas dimensións no que arderon 0,14 hectáreas.
Ademais, tres conatos de incendio arrasaron outras 0,06 hectáreas. Estes producíronse no mes de agosto en Vinseiro, en setembro en Moreira e en marzo na Estrada.
Imaxe de portada: incendio en Requián (Frades) o 10 de agosto // cedida

Deixa unha resposta