Publicidade

“O Lago dos Cisnes” poderase ver na Estrada con prezos reducidos

O Principal acollerá en novembro esta obra da International Ballet Company

“Confeso que me fai moitísima ilusión”. Estas eran as palabras da concelleira de Cultura, Lucía Seoane, antes de anunciar a que posiblemente será a gran oferta cultural do ano na Estrada. E non é para menos, pois o ballet O Lago dos Cisnes poderase ver no Teatro Principal.

Será o 27 de novembro ás 20.00 horas cando a International Ballet Company representará o gran clásico do ballet. Iso será posible grazas a “unha confluencia de factores”, tal e como explicou Seoane. “Esta compañía tiña actuacións programadas nas distintas cidades de Galicia e produciuse un oco que permitiu incluír á Estrada na súa folla de ruta. Unha confluencia de circunstancias que quixemos e soubemos aproveitar”, dixo a concelleira.

Un numeroso elenco que danza ao ritmo da música de Tchaikovsky e un decorado de grandes dimensións forman parte da representación, algo que habitualmente “queda fóra das nosas posibilidades, tanto polo seu formato coma polo seu orzamento”, recoñeceu Seoane. A International Ballet Company está formada por solistas procedentes da República Moldova, Ucraína e Italia, entre outros países.

A experiencia, asegura a responsable de Cultura, estará “ao nivel das grandes capitais”. Isto fará que a entrada custe máis do que adoita nos espectáculos que oferta o Principal. Poderanse adquirir dende 30 euros, un prezo inferior ao das demais cidades dado que parte da entrada finánciaa o Concello. Dende este martes estarán á venda no departamento de Cultura do Concello, aínda que tamén se poderán mercar online a través da web da produtora que leva este ballet ao Principal.

Imaxe de portada: Lucía Seoane, durante o anuncio // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo