O Seaga enviou 6000 requerimentos para a limpeza de fincas que se atopan dentro da faixa de protección de vivendas, un 40% menos ca hai un ano. O prazo para limpalas é de 15 días e é obrigatorio.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, apuntou a que algunhas das parcelas pode que xa estean limpas e aínda así chegue o requirimento, pois no momento no que se realizou a inspección estaban sen limpar. Na notificación especifícase a data na que se fixo a inspección, así como os motivos que xustifican esta notificación, cun plano da parcela e a área afectada pola esixencia de intervención.
“Parécenos que se fixo unha limpeza importante e sabemos que hai múltiples causas que explican que non puideran ser máis, pois porque houbo empresas que non lle fixeron os traballos ou por outras razóns, pero temos que seguir polo camiño de incidir na importancia de manter as fincas no estado que corresponde pola seguridade das persoas e dos bens no noso rural”, insistiu o alcalde.
O prazo é de só 15 días para limpar todas as parcelas notificadas. “Con independencia de que chegue ou non a notificación, sabemos que, como propietarios, temos a obriga de ter a nosa parcela limpa. Temos que facer os deberes antes do 15 de maio”, remarcou Louzao.
Hai un ano enviáronse 10.000 requerimentos, existindo tamén un prazo moi reducido para limpalas todas, algo que levantou suspicacias entre os notificados.


Deixa unha resposta