Dende o PSOE salientan que estaría especialmente pensada para as persoas maiores
O PSOE da Estrada presentou unha moción para crear un sistema de transporte baixo demanda orientado de xeito prioritario á xente maior do rural, que conta con menos posibilidades de achegarse á vila. O voceiro do partido, Luis López Bueno, defendeu a necesidade desta medida nun concello no que máis de 2.000 persoas teñen máis de 80 anos.
“Esta situación provoca que moitas persoas maiores teñan dificultades para desprazarse de forma autónoma, dependendo do vehículo privado ou da axuda de terceiros, o que incrementa o risco de illamento social e limita o acceso a servizos básicos”, asegurou o socialista. Agardou que o goberno local teña en consideración esta proposta posto que “o coche eléctrico que puxeron na porta do Concello non resolveu este problema por moi carsharing rural que lle chamen”.
“Está demostrado que o goberno de Gonzalo Louzao sabe gastar en festas e comidas, así que imos ver se deixaron algo para mellorar os servizos públicos”.
Luis López Bueno, PSOE da Estrada
O socialista sinala que a dificultade de transporte implica unha afección á calidade de vida e participación na vida social daquelas persoas que viven no rural. Por iso, a moción contempla un estudo previo no que se analicen as zonas con maior demanda, os destinos prioritarios (centros de saúde, farmacias, supermecados ou espazos culturais) e as franxas horarias máis axeitadas. Asemade, contémplase que este servizo tamén ten que facilitar o acceso a actividades culturais pensadas para estas persoas, tales como a sesión de cine dos mércores.
A butaca baleira do mércores
Juan Carlos González · PSOE
Do mesmo xeito, a súa implantación faríase en colaboración co sector do taxi e coas empresas de transporte do municipio e tería que ter un sistema de solicitude sinxelo e accesible, pensando nas necesidades das persoas maiores. Amais, financiaríase con cartos de diferentes administracións e teríase que avaliar periódicamente o seu funcionamento, para así medir o seu impacto á hora de reducir o illamento social.
Imaxe de portada: aldea da Estrada // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta