Educar, non é resistir, é construír futuro. E o futuro non pode esperar.

Educar, non é resistir, é construír futuro. E o futuro non pode esperar.

Amalia Lago · PSOE

Hai unha frase que se repite cada vez con máis frecuencia nos centros educativos: “Queremos, pero así non podemos”. E non é unha escusa. É un diagnóstico. Un deses que non saen nun titular da TVG, pero que se sente cada día en cada aula.

Porque mentres desde os despachos da Xunta se fala de innovación, dixitalización e proxectos estrela, nas aulas o que hai é falta de tempo e de recursos adecuados, exceso de alumnado e falta de profesorado. Son 50 minutos que non lles chegan, ratios que afogan, profesorado desbordado e alumnado que, simplemente, non recibe a atención que merece.

Non poden falar de calidade educativa cando un docente ten que atender a máis de 150 alumnos. Non poden falar de inclusión cando hai centros cunha orientadora para 500 ou mesmo 1.000 estudantes. Non poden falar de igualdade de oportunidades cando o sistema depende do voluntarismo dun profesorado que traballa moitas máis horas das que figuran no seu horario… e sen recoñecemento.

E mentres tanto, a realidade nas aulas é cada vez máis complexa. Hai máis necesidades educativas, máis problemas emocionais e máis dificultades de convivencia. O alumnado non é o mesmo que hai trinta anos, e iso non é malo. O problema é que o sistema segue sendo practicamente o mesmo… pero con máis carga enriba.

Hoxe, a un profesor pídeselle que sexa docente, pero tamén psicólogo, orientador, mediador, administrativo e experto en novas tecnoloxías. Todo ao mesmo tempo. Todo sen os medios necesarios. Todo “porque hai que facelo”.

E a cuestión non trata de traballar menos. Trátase de que poidan traballar mellor.

Porque cando un profesor perde máis tempo en papeis que en preparar as súas clases, algo non funciona. Cando hai protocolos para todo, pero falta persoal para aplícalos, algo falla. Cando a calidade do ensino depende do sacrificio persoal e non dun sistema ben organizado, o problema é grave.

E o peor é que isto non vai só de profesorado. Vai de futuro dos nosos nenos e nenas que non reciben a atención que precisan. Vai de familias que confían nun sistema que debería garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas. Vai de sociedade, porque unha educación pública forte é a base dunha sociedade xusta.

Por iso, defender a educación pública non é unha consigna ideolóxica. É unha responsabilidade colectiva e un dereito fundamental que se debe garantir.

Defender a educación pública é esixir máis profesorado, máis especialistas, máis recursos. É reclamar ratios dignas, menos burocracia e mellores instalacións. É dicir alto e claro que a educación non pode depender do heroísmo de quen a sostén cada día.

Por iso, cómpre dar un paso adiante e participar na manifestación do vindeiro mércores 6 de maio ás 19 h. na praza do Mercado, para reclamar unha educación pública digna, con recursos á altura do que merecen os nosos fillos e fillas. Porque esta é unha causa de todos e todas e precisa un compromiso serio. Hai que facerse escoitar! 

Queres ler máis artigos coma este?
Visita o espazo web de Politicando!

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo