“Por que teño que cambiar o discurso agora que cambiou o alcalde? As miñas necesidades están claras e os obxectivos son os mesmos”

“Por que teño que cambiar o discurso agora que cambiou o alcalde? As miñas necesidades están claras e os obxectivos son os mesmos”

Annie Sánchez falou no Xornal da Estrada sobre o presente e futuro de La Estación, aínda que centrou boa parte da conversa en criticar a xestión que están a facer dende o Concello con este espazo. Ademais, destacou que se produciu un cambio de discurso no momento no que se cambiou de alcalde.

Comentou que dende o pasado mes de agosto, cando este medio gravou unha Reportaxe sobre o centro xuvenil cambiaron “poucas cousas, gustaríanos que cambiaran moitas máis” e que moitos dos obxectivos que tiñan e que “non dependen de nós, dependen da administración, non se puideron conseguir”.

En relación ao informe que sacaron facendo balance do 2025, algo que non adoitan facer porque “o noso traballo é bastante público”, asegurou que se fixo despois de non ter conseguido o impacto que se agardaba na administración sobre aquilo que “poden facer eles” coa campaña La Estación de oportunidades.

“Vímonos obrigados a dicir ‘isto é o que sucedeu durante toda a campaña e durante todo o ano’”, continuou antes de mencionar a diferenza de inversión económica entre xuventude (34.000 euros) e administración (6.000 euros). “Para nós era moi frustrante ver todos os anos como a xuventude e os veciños e empresas si facían un esforzo por axudar e si chegaban a lograr eses obxectivos. Pero a administración nunca”.

“Lamentablemente, creo que estamos chegando a un punto no que polas boas, e un pouco citando un artigo que publicou o noso alcalde, Gonzalo [Louzao], ‘chove sobre mollado‘ e, literalmente coas súas palabras, ‘ás veces o único que nos queda é berrear. Entón, así como o Concello sente que lle ten que berrear a outras administracións, pois nós estamos na mesma postura”, dixo Sánchez en relación á falta de apoio por parte do Concello que senten ter recibido.

“Lamentablemente, parece que agora ten que haber un cambio de tono na conversa”

Un cambio de tono que sería “sempre sen violencia” e “sobre todo, dando a cara e reclamando responsables”. “Se cando eu falaba hai 10 anos con José López, agora conselleiro na Xunta, os obxectivos estaban claros e as necesidades estaban claras, por que teño que cambiar o discurso agora que cambiou o alcalde? As miñas necesidades están claras e os obxectivos son os mesmos”, asegurou Annie Sánchez.

“Nós non podemos sacar adiante un proxecto como La Estación sen a administración. É inviable”

“É unha cuestión de vontade política. Entón cando a vontade política escuda as responsabilidades noutras persoas, cambios, orzamentos, ‘uf! Moitas cousas que a xente me reclama’… Pois ao mellor hai que poñer un pouco contra a parede aos políticos para que sexan claros”, continuou.

“Se é que non che importa [La Estación], non pasa nada, pódesnolo dicir. E se é que non lle das importancia, pois ao mellor temos que falar con quen si lle dea importancia á xuventude”

Afirmou que, co cambio de alcalde, produciuse un cambio no discurso. “Para min foi sorprendente a habilidade fantástica que demostrou José López, a súa empatía coa xuventude. Eu recordo momentos incribles con José e coa Estación e como el sempre soubo baixar aos mozos ou subir os mozos segundo a situación. Sempre houbo moito respecto cos nosos rapaces. Pero, lamentablemente, agora non é así. Hai detalles, non podo dicir que haxa unha mala relación porque sempre tivemos unha relación moi cordial, pero comeza a parecer que esa relación cordial era porque nós a mantiñamos, non porque eles a quixeran”.

Comentou que, de ter máis fondos públicos, destinaríanos a arranxar o estado no que se atopa o edificio e ao persoal. “Algo que non valoran é o tempo das persoas que están aquí”, engadiu en referencia ao tempo que adican estando de xeito gratuíto no centro e axudando de forma remota a quen lles pide axuda. “Para que iso poida seguir pasando, [os monitores] teñen que comer”.

“O máis limitante é que vén xente de fóra e alucina, traemos inversores e din ‘si, aquí hai un potencial’. Pero ese potencial para explotalo necesitamos unhas bases e esas bases parten da negociación coa administración”, asegurou Annie Sánchez.

Espazo gaming

En canto ao espazo gaming que veñen de estrear, comentou que foi cedido por Gaming Troop, unha asociación pontevedresa á que axudaron dende os seus inicios para que teñan “unha forma de ingresar. Por suposto, non vai ser un negocio privado. Non se trata dunha prestación de servizos públicos, senón que se trata dunha forma de manter os equipos e de darlle algo de vida e esperanza a eses mozos que todavía queren continuar co proxecto”.

Este espazo atópase aberto a todas as persoas. Para empregalo pódese facer unha aportación dun euro, algo que “non é obrigatorio, pero cremos que é o correcto. Todos na Estación colaboramos dalgunha forma. De feito, ata para o que queira vir e non poida poñer un euro, temos formas de colaborar”. “Dicir que é obrigatorio pagar sería mentir, dicir que é obrigatorio aportar, iso si que é unha realidade”, sentenciou.

Papel da administración coa xuventude

Tamén se referiu ao rol das administracións públicas en materia de xuventude. “Se falaramos de normativa para residencias de maiores, coñéceas todo o mundo. Pero cantos coñecen os artigos da Constitución que fan referencia á obriga da administración para aportar aos mozos alternativas en canto á súa integración na sociedade? Cantas persoas saben que existe unha lei da Xunta que obriga a que este tipo de sitios existan?”, preguntouse.

Asegurou que “temos moi esquecidos” aos mozos e que “é terrible que, cando chegue o momento en que estes mozos teñan que ser os responsables desta sociedade, deixémolos abandonados. Iso é o máis terrible, que despois ímoslles esixir que sexan responsables dos erros que cometimos nós”.

Futuro

En canto ao futuro de La Estación, dixo que pasa por “seguir loitando. Dígoo moitas veces, isto é unha carreira de resistencia e nós resistencia temos moita”. Engadiu que, “lamentablemente, vai pasar por unha loita para poder conseguir o que necesitan os mozos, pero imos estar ahí”.

“Imos seguir reclamando. Isto non quere dicir que, como conseguimos alternativas pola nosa conta, non imos deixar de reclamar ao responsable”

Amais, terán “propostas” e “alternativas, como o espazo gaming”. Entre elas atópanse novas edicións do Erasmus+. “Espero contar pronto con xente moi relevante que se enterou do proxecto e quérenos botar unha man”, engadiu.

Unha pregunta para Lucía Seoane

Preguntada por que lle preguntaría á concelleira de Xuventude, Lucía Seoane, respondeu que “por que o cambio? Por que o cambio de actitude?”. Explicou que “Lucía sempre foi unha persoa moi cercana ao proxecto”, estando en numerosas ocasións con eles, “e non sei por que, ao cambiar un pouco as xerarquías, tamén cambiou a actitude connosco”.

Recoñeceu que esa mudanza que di terse producido “é doloroso” en canto a ter ocorrido coa xuventude. “Mozos que a coñecían previo ao cargo que ten agora e colleran certo tipo de cariño, de empatía por como ela nos trataba, e agora é todo o contrario”, asegurou antes de preguntarse “cal era a verdade? A verdade era antes ou é agora?”.

“Quizais é simplemente, de feito xustificábao ao principio con Gonzalo [Louzao], que é moita responsabilidade, chegas de súpeto, hai moitas cousas que xa están andando, que non che dou tempo a ti de organizarte. E ata os rapaces, cando mo dicían, eu dicíalles ‘teñamos paciencia, porque non é fácil a situación que lle tocou asumir a el repentinamente’. Pero claro, a paciencia tamén se cansa de pedir paciencia”, concluíu.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo