A Rapa das Bestas e Manuel García Barros quedarán plasmados nas fachadas da Estrada. O alcalde do municipio, Gonzalo Louzao, anunciou este mércores que o grafiteiro, muralista e ilustrador Pablo Loyola vai facer dous grandes murais nas fachadas dun edificio da Rúa 56 e do Teatro Principal.
No primeiro edificio que hai na marxe esquerda da Rúa 56 vai estar o mural da Rapa. A obra, segundo trasladan dende o Concello, buscará render homenaxe a esta tradición única, profundamente vencellada á historia e á identidade colectiva do municipio. Louzao agradeceu á comunidade de veciños a cesión da fachada e avanzou que “será un mural a tamaño completo que representará aos cabalos no curro cun dos aloitadores”.

No caso de García Barros, o seu mural pintarase na entrada ao estacionamento do Teatro Principal, na fachada lateral deste. A escolla do espazo, xustifica Louzao, é que ese é o edificio no que se entrega dende hai 3 décadas o galardón literario que leva o seu nome. Ken Keirades non estará só neste mural, pois tamén se representará a igrexa, a Casa do Concello, o Pazo de Oca e a ponte medieval de Pontevea.
O luns comezarán os traballos, sendo o punto de inicio a Rapa das Bestas. Segundo se ve nos bosquexos provisionais — pode producirse algún cambio, especialmente na cor — predominará o castaño e as cores escuras dos cabalos. Pola contra, para o mural de Manuel García Barros optouse por semellar unha instantánea en branco e negro.
Louzao mostrou a súa esperanza en que ambas obras teñan o impacto desexado para homenaxear a sendos referentes culturais. Indicou que contan coa implicación económica da Deputación de Pontevedra, a través do contrato con Turismo Rías Baixas.
Imaxe de portada: bosquexo do mural de Manuel García Barros // Concello da Estrada


Deixa unha resposta