Agasallan cun hosting e un dominio a aqueles que se subscriban a medios en galego

Agasallan cun hosting e un dominio a aqueles que se subscriban a medios en galego

Durante o mes de maio e con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e do Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), a provedora de servizos Dinahosting e PuntoGal unen esforzos para apoiar o uso do galego nos medios de comunicación a través da campaña Subscríbete ao galego.

Dende o 17 de maio ata o 31 do mesmo mes, as persoas que se subscriban nalgún dos medios participantes na campaña recibirán un dominio .GAL e un hosting totalmente de balde durante o período dun ano. Este agasallo está valorado en máis de 170€.

Os usuarios beneficiarios recibirán os seus códigos para obter o seu hosting e dominio gratis ata o 30 de xuño.

Grazas ao servizo de hosting web e ao dominio .GAL, poderán dispoñer dunha conta de correo profesional co dominio propio e poñer en marcha o proxecto web sen afrontar custos iniciais. Trátase dunha oportunidade para impulsar a creación de contidos en galego e avanzar na normalización do idioma tamén no ámbito dixital e, á súa vez, fortalecer os medios participantes.

Medios participantes

Os medios que participan e nos que se poderán subscribir son: A movida, A Trabe de Ouro, Código Cero, Mallando no Android, Mazarelos, Nós Diario, O Salto Galiza, Ouke!, Praza.gal, Revista Grial, Revista Luzes, Tempos Novos e Tempos Dixital.

Aínda que non ofrecen subscrición, tamén colaboran AMSGO!, A Nova Peneira, A Xente de Teo, Bisbarra, Biosbardia, Boísimo, Crónicas da comarca, Ecos da Comarca, Emuga, Galicia Confidencial, Gciencia, Galicia Xa, Lindeiros, Nós Televisión, O Barbanza, O Sil, Picheleiro, Ponte nas… Ondas!, Que pasa na costa, Revista Pincha, Xornal da Coruña e Xornal da Estrada.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.700 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.

Sobre Dinahosting

Dinahosting leva máis de 20 anos ofrecendo solucións para todo tipo de proxectos web, dende as páxinas máis sinxelas ás infraestruturas online máis esixentes. O noso equipo humano e a nosa aposta polas tecnoloxías de última xeración permiten responder aos clientes na maior brevidade e en todo momento. Ademáis é un único rexistrador autorizado por ICANN en Galicia para a venda de dominios. Para saber máis: dinahosting.gal

Sobre AMEGA

AMEGA nace no 2013 cos principais obxectivos de defender os intereses dos seus asociados favorecendo así o fortalecemento dos medios de comunicación en galego, contribuíndo ao proceso de asentamento do sector e á consolidación dun espazo de comunicación en galego, fomentando a súa presenza pública, tanto individual como conxunta.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo