Publicidade

Lorient, jour 0: Tequexetéldere xa está de camiño a Francia

Terán 9 eventos, a maioría deles actuacións · Rosa de Cabanas deseñou unha imaxe para esta viaxe histórica

Este mércores era o Día D para Tequexetéldere. Foi o día no que un grupo de 47 músicos e bailaríns subiuse a un autobús que os levará ata Lorient (Bretagne, Francia). É un deses días que quedan gravados na historia da agrupación, pois van representar Galicia no maior festival de música do mundo celta a nivel mundial. Nel terán 9 eventos diferentes.

Antes de subirse ao bus, pasaron pola Praza do Concello para sacar unha foto de familia. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, aproveitou para dirixirse a eles. Sinalou o “orgullo” que supoñen para A Estrada.

Nove eventos en sete días

A primeira actuación de Tequexetéldere en Lorient será o sábado 1 de agosto ás 16.20 horas na Place des Pays celtes. Farano no marco do evento Danses du Monde celte e terá unha duración de media hora. Á noite, actuarán no Horizons Celtiques, que se celebra no estadio.

O domingo 2 pola mañá participarán na Grande Parade des Nations Celtes, coa que percorrerán as rúas de Lorient. Neste evento participan, en total, máis de 3.000 artistas das diferentes agrupacións participantes. Á noite regresarán ao estadio para participar no segundo Horizons Celtiques.

A seguinte actuación será o martes 4 no Espace Jean-Pierre Pichard. De 15.00 a 15.50 horas participarán no Musiques et Danses des Pays celtes, tendo como teloneiros un grupo irlandés. Despois dos estradenses actuará un grupo escocés. Nas noites do martes 4, mércores 5 e xoves 6 participarán de novo no Horizons Celtiques, que se celebra no estadio.

O seu paso polas terras galas remata o venres 7 co Atelier de danses galiciennes (taller de baile galego), na Salle Carnot. Dende as 15.30 horas e durante 50 minutos mostrarán o baile galego aos presentes.

Unha imaxe 100% estradense

A agrupación estradense confiou en Rosa de Cabanas para deseñar a imaxe que os acompañará nesta aventura en terras galas. Protagonízana un mozo e unha moza, ambos de perfil.

Ataviados con elementos tradicionais inspirados nos traxes de festa, poderían ser bailadores ou músicos. Para ser exactos, ela leva un pano en tonos vermellos e el, unha monteira. Na monteira engadiuse unha pequena alusión a Francia, pois o seu estampado está inspirado no breixo de Cornualles, un rbusto emparentado con carrouchas ou uces que abundan nos nosos montes.

Este deseño vestirano na roupa de paseo, así como nas súas redes.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo