Publicidade

Requián presenta unha romaría dos Milagres con novidades

Este mércores presentouse no Concello a programación dos Milagres de Requián. Aínda que os actos centrais desenvolveranse entre o xoves 27 e o sábado 29, a programación comeza o 19 de agosto coa novena. Como novidades, nesta edición contarán con procesión de candeas e será a primeira edición que se celebre con Martín Ananí Kouassi Kouman como párroco deste lugar de Frades.

Entre o 19 e o 27 de agosto celebrarase a novena. Haberá misas todos os días ás 8.30, 19.00, 20.00 e 21.00 horas. O rosario será ás 19.30 e 21.30 horas. Ademais, farase procesión de candeas. Como engadido, o sábado 22 ás 18.00 horas oficiarase a Misa do Neno.

O xoves 27, último día da novena, ás 21.30 horas será a Procesión dos Cirios. Ao remate, a verbena correrá a cargo da Charanga BB+.

O venres 28, día grande da romaría, oficiaranse misas dende as 8.00 horas, sendo só a das 11.00 horas en galego. Ás 13.00 horas terá lugar unha misa solemne, seguida dunha gran foguetada e da procesión. A sesión vermú correrá a cargo da Banda de Música Cultural da Estrada. Á tarde, Cantos da Terra animará o ambiente. Ás 19.00, 20.00 e 21.00 horas haberá máis misas. O día rematará coa verbena, que contará coa música da orquestra Escaparate e de Will Discomóvil.

O sábado 29, Día da Nosa Señora da Piedade, oficiarase ás 12.00 horas unha misa solemne. Fanfarria Furruxa animará a sesión vermú e o grupo M.5 Galicia, a verbena. Haberá inchables gratis para os máis cativos.

O párroco de Requián, Martín Ananí Kouassi, sinalou que nesta romaría “os fillos de Deus xúntanse para glorificar a Deus”. Engadiu que “contamos coa axuda de todos, sobre todo de Deus, para que todo saia ben”.

Pola súa banda, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, sinalou que esta é “a romaría con maior movemento de masas” na que se xuntan “milleiros” de persoas. Lembrou que antigamente concellos veciños escollían como data festiva a dos Milagres de Requián, pese a non celebrarse no seu territorio.

Imaxe de portada: presentación dos festexos // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta