Publicidade

Xoán Reices non repetirá como candidato do BNG á alcaldía

Manterase como voceiro ata o remate da lexislatura · O BNG avanza que terán candidato antes do verán

O BNG anunciou na mañá deste luns que o seu actual voceiro, Xoán Reices, non vai repetir como candidato á alcaldía. Isto débese, segundo o propio nacionalista, por motivos persoais. Dende o partido contan con ter o novo cabeza de lista antes do verán.

Esta decisión, tomada de mutuo acordo entre voceiro e partido, non supón que Reices vaia abandonar as súas funcións, senón que seguirá ata o remate da lexislatura. Dende a formación trasladaron o agradecemento que realizou dende 2023, “amosando desde o principio un claro compromiso coa organización e responsabilidade política, cousas pouco habituais nos tempos que corren”.

Xoán Reices asegurou que “éunha honra inmensa representar ao BNG e á veciñanza da Estrada”. Amosou o seu compromiso “total” tanto co proxecto nacionalista coma co “futuro do noso concello”. “Simplemente, as circunstancias profesionais e persoais requiren un relevo na primeira liña de cara ao vindeiro ciclo electoral”, concluíu.

Relevo nas vindeiras semanas

O BNG informou de que vai abrir “de inmediato” os mecanismos internos para a elección do substituto ou substituta de Reices. A intención é anunciar públicamente á persoa que encabezará a lista “antes do inicio do verán” para así “arrancar o novo curso político co proxecto electoral plenamente perfilado”.

A escolla do novo candidato ou candidata enmárcase na estratexia de “renovación e apertura” que comezaron no 2023. En palabras da dirección local, este proceso “está a consolidar un proxecto solvente, dinámico e con capacidade de escoita, preparado para ofrecer unha alternativa real e transformadora fronte ao esgotamento do actual modelo de goberno do Partido Popular”.

Dende o BNG amósanse “convencidos” de que a nova candidatura “non só manterá o impulso acadado nos últimos anos, senón que sumará novas enerxías para conectar coa maioría social que reclama un cambio estratéxico, sostible e con ambición para o concello”.

Imaxe de portada: Xoán Reices // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo