Os 5.000 litros e 4.000 vasos da Feira da Sidra quedaron escasos. Tanto o Concello da Estrada como a Asociación Maceira e Sidra chegaron á conclusión de que é necesario estudar como modificar a feira para que continúe medrando e dotala dun maior carácter internacional.
Ao longo da xornada do sábado escanciáronse 5.000 litros de sidra, 1.000 máis ca hai un ano. Isto viuse propiciado porque a degustación vespertina tivo unha afluencia semellante á matutina, cando nas pasadas edicións o groso concentrábase no mediodía. De feito, aínda que non estaba previsto servir sidra ata ás 19.30 horas, a organización decidiu comezar antes pola cantidade de xente que se estaba congregando para degustala.
Foi necesario empregar 200 vasos máis dos previstos, polo que se recorreu aos de edicións anteriores. Este ano apenas tiveron que repoñer vasos que escacharon durante o evento, segundo sinalou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán, polo que se chegou a proporción de 1,2 litros de sidra consumidos de media por persoa. A escasa reposición teríase visto favorecida pola incorporación de cintas para suxeitar os vasos.
En canto ao futuro do certame sidreiro pasa por unha mellora da venda anticipada, o asentamento das novidades introducidas este ano e unha maior internacionalización.
Nesta edición o 60% dos vasos previstos vendéronse de xeito anticipado, polo que se está plantexando trasladala á Sala Abanca para a vindeira edición. Estableceríanse franxas de venda tanto matutina coma vespertina para facilitar a distribución.
Dende a organización sinalaron como un acerto a zona tranquila na Alameda, polo que contan con ampliala na vindeira edición. Tamén ven con bos ollos o resultado do tardeo na Rúa Serafín Pazo, que fixo moi complicado camiñar por esa rúa e que, din, favoreceu a actividade hostaleira.
Un dos detalles que estudarán con detemento é a ubicación e cantidade de aseos públicos, pois faise necesario incrementalos. Óscar Durán recoñece que “non é algo doado, porque non podemos afastalos da zona da feira pero tamén necesitamos ter desaugadoiro”.
Para o 2027 cre que é preciso aumentar a oferta de variedades sen alcol na degustación e o número de botellas no punto de venda. “A tenda
foi tamén un acerto, porque moita xente mercaba as botellas para levalas á hora da comida, ben para a casa ou para degustar de xeito máis tranquilo en zonas como a propia Alameda”, apuntou Durán.
Internacionalización da cita
Dende Maceira e Sidra, Miguel Soto comentou que os sidreiros participantes marcharon co desexo de estar o primeiro sábado de xuño de 2027 na Estrada. Apuntou a que pretenden aumentar o número de lagares estranxeiros, buscando incidir na internacionalización da mostra.
Sumado a iso tamén terán que analizar a disposición da barra, pois se ben buscan dinamizar o fluxo do público, a carpa é necesaria no caso de que o tempo non acompañe.
Imaxe de portada: Feira da Sidra 2026 // Concello da Estrada


Deixa unha resposta