A Xuntanza de Fillos e Amigos da Estrada e a Estranoite provocarán afeccións ao tráfico rodado
Este sábado darase de forma oficiosa o pistoletazo de saída das festas de San Paio 2026. Durante a tarde comezarán a funcionar as primeiras atraccións e, á noite, acenderase o alumeado.
Os actos comezarán ás 12.15 horas coa xuntanza anual de Fillos e Amigos da Estrada. Oficiarase unha misa en recordo dos estradenses falecidos. Ás 13.15 horas un pasarrúas percorrerá Don Nicolás, Calvo Sotelo e Justo Martínez para chegar á Alameda, onde se fará unha ofrenda floral no monolito de Marcial Valladares. Ao remate, o Salón de Plenos acollerá a recepción oficial e, ás 14.30 horas, xantarán no Samaná.
Dende as 16.30 horas poderán abrir as portas as atraccións instaladas na contorna da Feira. Ás 19.30 horas comezará a exhibición de Sincroburbullas na piscina climatizada.
No que á noite se refire, estará protagonizada pola Estranoite — a carreira nocturna — e o acendido das luces. Entre as 21.00 horas e as 22.00 horas sairán as categorías que comprende o rango de Pitufos a Sub 14. 20 minutos máis tarde entregaranse os premios destas categorías. Ás 23.00 horas sairán sairán xuvenís (sub 18), junior (sub 20) e os atletas da categoría absoluta (promesa, senior e master). Nese momento accionarase o dispositivo que penderá o alumeado festivo. Ás 00.15 horas prevese que se celebre a entrega de premios.

Cortes de rúas
Estes eventos provocarán afeccións ao tráfico rodado. Comezando pola Xuntanza de Fillos e Amigos da Estrada, ás 13.15 horas está previsto un corte puntual na Rúa Justo Martínez con motivo do pasarrúas.
A Estranoite será o evento que máis afeccións provocará. Dende as 16.00 horas comezarase a instalar o valado que delimitará o percorrido. Varias rúas pecharanse ao tráfico rodado na súa totalidade, mentres que outras só de xeito parcial.
Comezando polos peches parciais, veranse afectadas a Rúa Gradín, onde non se poderá circular en dirección á Rúa 25 de Xullo, pero si dirección San Paio, e a Rúa Antón Losada Diéguez, onde non se poderá circular en dirección San Paio pero si dirección Avenida de Santiago.
As rúas que se pecharán na súa totalidade son San Paio, 56, Caldesiña, Travesía de Vea, Avenida de América, Padrón, Waldo Álvarez Insua, García Barros, Ruela da Fonte, Irmáns Valladares, Peregrina, A Farola, Serafín Pazo, Praza do Concello, Iryda, Primeira Travesía de Fernando Conde, Baiuca, Porta do Sol, Ulla e Calvo Sotelo.
Imaxe de portada: acendido do alumeado das festas de 2025 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta