Publicidade

A Estrada despide o San Paio con cambio de ubicación dos fogos de artificio

Este domingo as festas de San Paio chegan ao seu fin. Despois de cinco días, A Estrada acollerá os últimos eventos festivos antes de comezar a prepararse para a Rapa. A gran novidade é o cambio de ubicación dos fogos fin de festa.

Coma cada día, a axenda ábrese ás 10.00 horas co lanzamento de bombas de palenque. Ás 11.00 horas a Banda Cultural da Estrada percorrerá as rúas do centro e, dúas horas máis tarde, dará un concerto na Alameda. Ás 12.00 horas Pablo Estévez fará o espectáculo que tivera que suspender pola chuvia. Ás 13.30 horas Moa Dixie Band actuará na Praza do Mercado.

Ás 16.00 horas arrincarán as semifinais e a final da AE League na Zona Deportiva e ás 17.00 horas, a final do Torneo de Tenis Dobres de San Paio no Recreo Cultural. Ás 18.00 horas o XFest abrirá con talleres de artesanía; skate, scooter e bmx; grafiti; realidade virtual; as batallas d’OSonDoSar e a actuación de EleDeLewis. Dani Barreiro Kids actuará ás 18.30 horas na Praza do Mercado.

Aínda que non forma parte da axenda oficial das festas, tamén cómpre sinalar que ás 19.00 horas inaugurarase na Farola a escultura da familia Castelao-Renda.

A charanga Europa animará as rúas da Estrada a partir das 19.30 horas. Ás 21.30 horas comezará a verbena coa orquestra Cinema, que se aproveitará para sortear o escaparate das festas. Será na Praza do Concello. Ás 00.00 horas a música parará para o lanzamento dos fogos de artificio dende a Rúa 56, cambiando a ubicación dende a que se lanzaban nos últimos anos. Ás 00.30 Cinema retomará a súa actuación.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo