Non pasaba nin unha semana dende que comezara marzo de 2015 e o Museo Manuel Reimóndez Portela da Estrada acollía un acto, a nivel historiográfico, interesante. O escritor de Gres, Xosé Neira Vilas, doou ao museo máis de 700 folios nos que se recollía a historia dun estradense que emigrou a Cuba.
“Nacín o 9 de agosto de 1909 nunha aldea pequena e pobre a 100 quilómetros da Estrada… en Torreboredo”, rezaba o seu autor, Manuel Porto Verdura, sobre as súas orixes. Ao longo dos “dez folios cada sete días” que recibía Neira Vilas deste veciño da parroquia de Souto recóllese como foi a súa infancia e xuventude en terras estradenses coma a súa vida no estranxeiro.
Porto Verdura apareceu como personaxe no libro Crónicas galegas de América, onde era coñecido como O camiñador, alcume que se lle puxo en referencia aos 700 quilómetros que percorreu para asistit aos Xogos Panamericanos dende Guáimaro á Habana.
As crónicas da época recollen que o director do museo, Juan Andrés Fernández Castro, asegurou que os documentos serían ordeados e microfilmados para facilitar o seu acceso a investigadores e xornalistas.
Imaxe de portada: Xosé Neira Vilas // Santos Díez (Ollo de Vidro-ACAB), CC BY-SA 3.0 https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0, via Wikimedia Commons

Deixa unha resposta