Este martes sae a listaxe de admitidos para o Campamento do Mar. Publicarase na web do Concello da Estrada, aínda que este luns xa estiveron chamando ás familias admitidas para que aporten documentación. O número de solicitudes superou amplamente o de prazas, cifrado en 52. O Concello convocará ás familias que obtiveron praza a unha reunión.
No campamento, que se celebrará no Campamento Xuvenil Illa de Ons do 21 ao 28 de agosto, participarán rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos. No caso de que algunha das 52 prazas quede vacante, tirarase, por orde, da lista de espera xerada na inscrición.
O prezo para os censados na Estrada é de 120 euros. Para familias numerosas ou monoparentais ou para o segundo irmán, o prezo redúcese a 84 euros. No caso de que asista un terceiro irmán, será gratuíto para este. No tocante ás familias non empadroadas, só poderán asistir se quedan prazas libres e terán que pagar 240 euros.
Reunión coas familias
Como parte do proceso organizativo, o Concello ten previsto celebrar unha reunión coas familias o martes 12 de agosto ás 20.30 horas no Salón de Plenos. Alí darase a coñecer a empresa encargada do campamento e información práctica sobre horarios, normas e funcionamento da actividade.
Imaxe de portada: Campamento do Mar 2025 // Concello da Estrada


Deixa unha resposta