
O vindeiro mércores 12 de agosto A Estrada vivirá un deses momentos que poucas veces se viven: unha eclipse solar prácticamente total. Se ben noutros concellos de Galicia será unha eclipse solar total, na Estrada a ocultación oscilará entre o 99,8 e o 99,97% en función da zona.
Por iso, o Concello da Estrada estableceu o castro de San Miguel de Castro como punto de visionado oficial. Segundo o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, conta cunhas “condicións óptimas” para ver a eclipse, pois é “unha zona illada de obstáculos” que ten unha “altitude importante”.
Deseñouse un dispositivo especial para evitar calquera incidencia na zona. Ás 18.00 horas chegarán á zona os efectivos de Policía Local e Protección Civil da Estrada que xestionarán o acceso ao castro. Nos arredores del situaranse os aparcadoiros, sendo necesario subir a pé ata a zona de visionado. Só se permitirá subir aos coches ata o alto no caso de que transporten persoas con mobilidade reducida.
Xa no alto repartiranse lentes específicas que permiten mirar o sol sen que supoña un risco para a saúde. Haberá en torno a un milleiro de unidades. O aforo previsto é de 1.000 persoas.
A lúa comezará a tapar o sol ás 19.32 horas, acadándose a ocultación máxima ás 20.39 horas. No caso de San Miguel de Castro será do 99,97%. A eclipse estímase que rematará ás 21.23 horas.
O concelleiro de Sanidade e Turismo, Óscar Rancaño, salientou a necesidade de “intentar preservar a saúde ocular”, posto que os ollos son a zona máis sensible á radiación. Recoñeceu que “pode haber un período de tempo de observación directa, pero eu non o recomendo”. Explicou que a radiación solar o que fai é destruír inmediatamente células da retina e que as consecuencias detéctanse nas horas e días posteriores.
Sinalou que o único método seguro para observar o sol de xeito directo é con lentes certificados coa norma ISO 12312-2:2015. Mentres se observe o sol non se pode quitar os lentes en ningún momento.
Imaxe de portada: presentación da programación da eclipse // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta