Só o curso pasado saíron do almacén da consellería de Educación 30.000 unidades de material
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou este martes o almacén que teñen no polígono de Toedo. En palabras do conselleiro, é o “corazón loxístico do sistema educativo galego”. Só durante o curso pasado, dende alí subministráronse 30.000 unidades de material para todos os centros educativos de Galicia. Durante a visita, esta instalación atopábase máis baleira do que adoita, pois veñen de rematar as obras de reforma.
“Desde aquí se subministra aos centros educativos de toda Galicia diferentes equipamentos que usan no día a día”, explicou Rodríguez. Nos diferentes espazos de almacenamento cos que conta podíanse observar mesas e cadeiras de diferentes tipos, teclados de piano, colchonetas, bicicletas, cociñas, fornos e moitos outros materiais necesarios en colexios e institutos.

Das 30.000 unidades de material distribuídas no último ano, deste almacén estradense saíron máis de 7.600 cadeiras, máis de 9.000 pupitres e mesas de diferentes tipos, 404 encerados e 150 unidades de diferente material como equipos de robótica e programación, coleccións de rocas e minerais, globos terráqueos, modelos de sistema solar, kits de electrónica ou esqueletos. En total estaban valorados en “máis de 6,6 millóns de euros”.
Como xa se avanzou, na actualidade atópase máis baleiro do habitual. De feito, o conselleiro lembrou que están a licitar a compra de máis equipamento para encher o almacén. “Estamos a falar dun investimento de case 4,5 M€ para mercar máis de 13.600 novas unidades de mobiliario, equipamento e recursos para alumnado con necesidades educativas especiais, coas que melloraremos a dotación de todo tipo de centros de ensino”, sinalou.
Melloras para unha nave da década dos 90
O almacén comezouse a construír nos anos 90, para entrar en funcionamento en 1992. Conta con cinco módulos, que veñen de ser reformados.
Unha das melloras realizadas foi o cambio das cubertas e lucernarios, colocando unha nova cubrición de panel sándwich de chapa de aceiro e paneis traslúcidos de policarbonato celular. Tamén mudaron as fachadas de chapa lacada por outras de aceiro galvanizado e lacado. Destaca o novo sistema de protección contra incendios, coa colocación dun sistema de aspersores. Este conta cun depósito de auga con capacidade para medio millón de litros de auga.
Imaxe de portada: interior do almacén // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta