Fin de semana de resultados dispares para os equipos estradenses. O Estradense conseguiu a súa primeira vitoria, algo que aínda non lle aconteceu a Sport Team Estrada e Vea.
No fútbol só hai tres posibles escenarios: gañar, perder e empatar. Nas tres xornadas de liga o Estradense pasou polos tres indo de menos a máis. Perdeu contra a Sarriana, empatou contra o Atlético Arteixo e esta fin de semana gañoulle 3-1 ao Atlético Coruña Montañeros.
No minuto 37 Daniel Fernández anotaba o único tanto do Montañeros. No 47 Mella sería quen de empatar o encontro para que Dani Pedrosa o rematase cun dobrete. No 70 marcaría o primeiro tanto e no 77 encaixaría un penalti. Así, o Estradense ascende á novena posición, quedando a cinco puntos do liderato.
A segunda parte do encontro que enfrontou ao Sport Team co San Martín foi negra para os estradenses. No 55 Joel Duarte marcaría o primeiro tanto. Cinco minutos despois Hugo Bemposta metía o esférico entre os paus nun penalti. No 75 e no 81, Víctor Piñeiro e Calo Méndez, respectivamente, rematarían un 4-0 a favor dos locais. O Sport Team continúa último na táboa.
O Vea non tivo moita mellor sorte. O dobrete de Roi Villar (32′ e 85′) e o tanto de Andrés Ramos (55′) outorgáronlle a vitoria ao Belvís. Igual que o Sport Team, mantense último da clasificación.
O vindeiro domingo o Berres estreará a tempada. Será na casa do Bandeira. No que respecta aos outros tres equipos, o Estradense viaxará á Illa de Arousa para enfrontarse ao Céltiga. O Sport Team recibirá na casa ao Abanqueiro e o Vea viaxará ao Hospitalillo para xogar contra o Agolada.


Deixa unha resposta