A Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) presentaron un informe co membrete da Consellería do Mar no que se recomenda pechar a mina de Touro-O Pino por posibles verteduras que rematen na Ría de Arousa. Este documento carece de data e sinatura, polo que tanto Xunta como empresa veno “sen valor”.
O documento presentado polas plataformas recolle que as augas residuais e escorrentías poderían rematar no río Ulla e chegarían ata a Ría de Arousa. Nel recóllense posibles afeccións ao marisqueo e á Zona de Especial Conservación (ZEC) Sistema Fluvial Ulla-Deza. Entre os concellos polos que poderían pasar os restos da actividade mineira atópase A Estrada.
Nese documento con membrete da Xunta de Galicia recóllese que a promotora da mina de Touro-O Pino, Cobre San Rafael, utilizou cálculos teóricos sen ter contemplado estudos sobre a bioacumulación de metais pesados nos seres vivos e as sinerxías contaminantes e o efecto acumulativo negativo que tería a mina ao sumarse aos residuos doutros proxectos industriais como Altri. Por iso, recoméndase pechar a mina.
Pola súa banda, Cobre San Rafael criticou que o documento “non teña data nin sinatura”, polo que “non é posible verificar nin a súa autoría nin o momento da súa emisión”. “É un documento claramente subxectivo e, non mellor dos casos, de trámite; non final e non comunicado ao promotor do proxecto, o que é claramente irregular procedimental e normativamente”, sinalou a empresa nun comunicado.
Engaden que a persoa que o redactou “non examinou” o expediente completo do proxecto, que “consta de máis de 24.000 folios e inclúe a Declaración de Impacto Ambiental, o Plan de Restauración e todos os seus adxuntos técnicos”. “O documento contén, ademais, expresións e valoracións de carácter subxectivo que resultan impropias dun informe técnico riguroso”, sinalan. Aluden a que esas cuestións foron respondidas con “datos científicos” e que contan “co respaldo de centos de informes especializados elaborados coa participación das universidades públicas galegas e do CSIC”.
Fontes da Consellería do Mar consultadas por Europa Press sobre este documento, remarcaron que “non ten sinatura nin data” e, polo tanto, carece de valor. Pola contra, aseguraron que lles consta outro “documento interno de traballo” sobre a mina “que non di absolutamente nada diso”, en referencia ás denuncias dos colectivos contrarios ao proxecto.
Imaxe de portada: presentación do informe // PDRA


Deixa unha resposta