O Concello da Estrada concluíu a optimización de dous mananciais que nutren de auga o casco urbano e Codeseda. Con esta actuación conseguiron un aporte extra de 142 metros cúbicos diarios.
Nos mananciais Espiño I e Espiño II fíxose un importante labor de limpeza e mantemento. Foron precisas precisas intervencións como a reparación de tubaxes ou a construción de arquetas que aseguren que non se produzan perdas intermedias. Estes mesmos traballos de optimizado realizáronse en Codeseda.
As actuacións no manancial Espiño II permitiron recuperar un caudal de 130 metros cúbicos diarios que van parar á ETAP de Penerada. Agárdase que a cantidade aumente conforme comece a chover. No caso de Codeseda recuperáronse 12 metros cúbicos ao día, cantidade que supón case o 30% do consumo habitual desta traída rural, situado nos 40 metros cúbicos.
O consumo de auga mantense entre os 3.200 e os 3.300 metros cúbicos ao día na traída estradense, segundo informou o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán. “Agora debería comezar a baixar para quedarse nos 2.800 metros cúbicos que habitualmente temos fora da tempada estival”, apuntou. Fixo un chamamento á responsabilidade posto que se manteñen as condicións de seca e as altas temperaturas.
Noutra orde de cousas, o Concello informou de que se están aproveitando estas semanas de bo tempo para facer batidas nocturnas. Esta é unha iniciatica que se realiza con certa periodicidade para localizar fugas de auga. Con este traballo no que se empregan máquinas ultrasóns e no que se levantan as arquetas, poden localizar fugas de baixo caudal indetectables en horario diurno.
Imaxe de portada: traballos de optimización de mananciais // Concello da Estrada


Deixa unha resposta