A concelleira de Servizos Sociais da Estrada, Amalia Goldar, mantivo unha reunión con Eva Piñeiro, en representación da Asociación Arela. Nela buscouse reforzar a colaboración institucional na difusión do programa CONVIVE.COMigo. Este é un programa de acollemento temporal a adolescentes que, por resolución xudicial, teñen que convivir con outros grupos familiares.
É un programa financiado pola Xunta de Galicia que busca xerar contornas de convivencia estables, próximas e normalizadas nun momento especialmente delicado da vida destes mozos e mozas. O obxectivo, segundo sinalan dende Arela, é que a experiencia de vivir nun fogar se converta nun espazo real de aprendizaxe vital, capaz de marcar un antes e un despois na súa traxectoria.
O programa garante ás persoas e familias participantes unha formación e valoración previa; acompañamento continuo por parte dun equipo profesional especializado e unha compensación económica que facilita asumir este compromiso temporal. Para contactar co programa e solicitar máis información pódese enviar correo a convive@arela.org ou chamar ó teléfono 604 038 672.
Imaxe de portada: reunión de Amalia Goldar con Eva Piñeiro // Concello da Estrada


Deixa unha resposta