Publicidade

As estradenses Actual Comunicación e Dual Webmedia únense baixo a mesma marca

O seu obxectivo é ofrecer os mesmos servizos que as grandes consultoras dende A Estrada

As axencias estradenses Actual Comunicación e Dual Webmedia anunciaron que se fusionan baixo a marca Actual Comunicación. Integran o equipo das dúas axencias nun único espazo, así como os seus clientes. Buscan ofrecer dende A Estrada os mesmos servizos que se ofrecen nas grandes cidades.

O equipo queda formado por Lorena Penas, Silvia Alende, Laura López, Chus Aldariz e Ana Casanova. Son cinco mulleres con formación en publicidade, xornalismo, comunicación audiovisual e deseño web. Ofrecerán nun mesmo lugar creación de contido, redes sociais, campañas publicitarias, servizos audiovisuais, deseño web e implantación de intelixencia artificial, ademais dos servizos clásicos de gabinete de prensa, dirección de comunicación e consultoría.

Dende a xa ampliada Actual Comunicación consideran este paso como o “paso natural” de profesionais estradenses que, pese a compartir sector, “foron quen de observar as potencialidades dun equipo integrado por mulleres con formación e experiencia en ámbitos estreitamente relacionados entre si”.

“Os negocios locais teñen á man profesionais que xestionan a súa comunicación a diario, algo que en grandes consultorías non soe pasar”, explica Lorena Penas. Chus Aldariz engadiu que esta fusión supón unha “aposta polo talento e o emprego na Estrada”. Incidiu na idea de que buscan ofrecer os mesmos servizos que ofertan as consultoras das grandes cidades “desde a comarca un servizo de proximidade, con interlocutoras directas para cada cliente e todas as áreas da comunicación baixo o mesmo teito”.

Actual Comunicación naceu en 2013 da man de Lorena Pernas e Silvia Alende. Dual Webmedia faríao 9 anos despois, en 2022, ao aliarse Chus Aldariz e Nerea Durán. A actividade de Actual Comunicación complementase coa docencia na Universidade de Vigo e a participación en distintas redes de negocio como son BNI Obradoiro (que preside na actualidade Lorena Penas), o Clúster da Comunicación de Galicia, Empresarias de Galicia, Executivas de Galicia ou a Asociación Comarcal de Empresarios da Estrada (ACE). Tamén son as promotoras dos Premios Rebumbio.

Imaxe de portada: equipo do novo Actual Comunicación // Actual Comunicación

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo