Publicidade

Arnois estrea andaina solidaria pola Santa Paterna

Arnois avanza cara o recoñecemento do Camiño de Santa Paterna, unha variante do Camiño de Santiago que pasa pola parroquia. O domingo 18 de outubro celebrarán unha andaina solidaria por ese camiño. Na presentación participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o párroco de Arnois, Carlos Miramontes, a presidenta da delegación na Estrada da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), Adela Bustelo, a pedánea de Oca, Cristina Quinteiro, Silvia Bahamonde, en representación da comisión de festas, e Paulo Puente, quen foi o encargado de explicar a andaina.

Paulo Puente explicou que a idea naceu conversando co párroco. “Xurdeu intentando facer unha nova ruta de Santa Paterna para promocionala e dala a coñecer”, comentou. Asegurou que a ruta “vai gustar” porque “remata na fonte da Paterna e é unha data sinalada” — unha semana antes das festas parroquiais–.

A ruta será, na súa práctica totalidade, costa abaixo. Comeza na Capela da Saleta de Loimil, baixa por unha zona de muíños en Loimil, cruza a Ponte de Río Mao. Segue pasando a carón das ruínas da antiga fábrica de papel, continúa dirección o colexio de Oca e bordea a finca da Goleta. Bordea o muro do Pazo de Oca, continúa por Rivadulla para meterse nunha carballeira ata chegar á Fonte da Paterna. A súa lonxitude é de cinco quilómetros.

Será unha andaina solidaria coa Asociación Española Contra o Cancro. A inscrición custará sete euros. A saída darase ás 9.00 horas dende o Campo da Festa de Santa Paterna. Ás 9.30 horas un autobús levará aos asistentes ata Loimil para comezar a ruta.

O cura da parroquia, Carlos Miramontes, sinalou que se presenta “unha variante da Ruta da Prata” que “ofrece ao peregrino un plus en espiritualidade, coa tumba de Santa Paterna, en cultura, coa igrexa románica de Loimil ou o Pazo de Oca, a nivel paisaxístico e de servizos, pois é unha zona na que poden atopar bares e restaurantes”. Que a ruta vaia ser solidaria coa AECC veo con bos ollos porque é unha asociación “que está facendo moito por un mal que afecta a tantísimas persoas na nosa sociedade”.

Precisamente, a presidenta da Asociación Española Contra o Cancro na Estrada, Adela Bustelo, asegurou que “queremos que a xente saiba que estamos na Estrada para poder axudar, tanto á familia como a un enfermo de cancro”.

Imaxe de portada: presentación da andaina // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo