As obras de mellora das cunetas entre O Sol e o local social de Rubín entraron na súa recta final. As obras están a ser efectuadas nun tramo da estrada provincial que une O Sol (Rubín) con Pardemarín no que se concentran numerosas vivendas. Ata as obras achegáronse o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e a deputada de Infraestruturas da Deputación de Pontevedra, Belén Cachafeiro.
Os traballos abranguen un tramo dun quilómetro da EP-7006. Segundo sinalou o rexedor, este é un primeiro treito de construción de cunetas que replica o modelo executado nos Balseiros (parroquia de Lamas). A intención é que exista un terceiro caso dunha actuación así, que será na estrada que une o Alto da Cruz (Matalobos) con Santeles.
“Son melloras de seguridade, melloras en recollida de pluviais e tamén melloras do ancho das propias vías”, sinalou Louzao. Engadiu que veciños doutras parroquias están solicitando actuacións semellantes noutras estradas provinciais.
Pola súa parte, Belén Cachafeiro, puxo o acento na
importancia que estas actuacións en cunetas teñen para elevar a seguridade tanto dos peóns como los vehículos que se cruzan en zonas nas que hai unha importante concentración de vivendas.
Imaxe de portada: visita de Belén Cachafeiro e Gonzalo Louzao // Concello da Estrada


Deixa unha resposta