Publicidade

A Estrada volve ter Xuventudes Socialistas 7 anos despois

A nova organización aposta por estar coa xuventude e facer “que López Bueno sexa alcalde da Estrada”

A sede do PSOE viviu un deses momentos que en poucas ocasións se viven. Sete anos despois os socialistas estradenses recuperaron as súas xuventudes, xusto no ano no que se fan 90 anos das primeiras.

Unha das cousas que máis sorprendía aos presentes era a cantidade de xente que conseguiran reunir no interior da sede socialista. Tras unha espera que se fixo longa porque se estaba a asinar a documentación, os protagonistas entraron acompañados da cúpula das xuventudes socialistas galegas.

“Despois de elixir e cubrir os cargos da mesa e toda a parafernalia orgánica que conleva este bonito momento, queda oficialmente reconstituída a Agrupación de Xuventudes Socialistas da Estrada con, por agora, seis militantes”. Así se anunciaba o momento que se estaba agardando.

A primeira en tomar a palabra foi a secretaria xeral das xuventudes galegas, Ana Alvite, quen mostrou o “orgullo” que sentía por esta reconstitución, posto que é a primeira que ten lugar dende que ela ocupa ese cargo. Asegurou que nas Xerais desta domingo “xogámonos moitísimo”, especialmente a xuventude.

O novo secretario xeral das XS da Estrada, Samuel Alvarellos, confirmou que o seu obxectivo é “axudar á mocidade en todo o que sexa posible a través dos nosos valores”, que son “socialismo, igualdade, feminismo e laicidade”. Avanzou que “realizaremos algunha actividade coa axuda da agrupación municipal”.

Luis López Bueno bromeou con se ía falar como secretario xeral do PSOE estradense ou como exsecretario das Xuventudes. Asegurou que “non hai nada que me faga máis feliz que unha xente da Estrada, nun momento complicado e de polarización, que dea un paso adiante”. Sinalou que “á xente nova da Estrada facíalle falta referentes na esquerda” e que os que tomaron a iniciativa son rapaces que se falan coa xente e apostan polo rural. “De aquí só van saír cousas boas”, concluíu.

O último en falar foi o novo secretario de Organización, Manuel García, quen apostou por “mobilizar á xente da Estrada, que moitas veces parece que está durmida e que somos unha vila de dereitas. E queremos dicir que isto é mentira”. “Imos facer que López Bueno nas próximas eleccións sexa alcalde da Estrada”, rematou.

Ao remate do acto, mentres comezaban os pinchos, varias persoas quixeron afiliarse ás xuventudes, polo que a primeira cifra de afiliados vai en aumento.

Composición

O secretario xeral é Samuel Alvarellos Docampo. No cargo de secretario de Organización está Manuel García Madriñán. Acompáñaos Pablo Iván González González como secretario de Igualdade e de Coordinación Municipal.

90 anos das primeiras xuventudes socialistas

En 1936 creáronse as primeiras Xuventudes Socialistas da Estrada. A última data do ano 2007, que estivo activa ata 2019. O seu último secretario xeral foi Luis López Bueno.

Imaxe de portada: reconstitución das Xuventudes Socialistas // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta