Comentaba moi acertadamente un usuario sobre a nova do acendido das luces que o titular correcto tería que ser “Parte da Estrada xa respira o Nadal”. E é que hai rúas que non teñen alumeado. Por iso, o pasado xoves saímos á rúa para poder contarllo a vostedes.
Comezamos pola rúa Bouza Brey, onde vive un rapaz que o seu pai comentou por redes sociais que lle preguntou por que eles non teñen luces. Pregunta lóxica, sobre todo cando en rúas próximas nas que vive menos xente si que as teñen.
Outro punto de queixas atópase na rúa Rosalía de Castro. É das últimas rúas con carga residencial destacable do oeste da vila e tampouco ten alumeado de Nadal. O mesmo sucede coas próximas Travesía de Rosalía de Castro e Rúa Cerdedo.
Seguindo polo oeste, imos pola Avenida de Marín. Alí tampouco teñen… perdón, cheguei á zona alta da rúa e si que teñen. Atópase entre a Avenida de Vigo e a Rúa Manuel de la Calle.
E esta situación que exemplificamos co oeste da vila (era de onde máis queixas había) sírvenos para contar o que sucede en todo o exterior da vila, incluídos viais de importancia. Na Avenida de Pontevedra só teñen un arco luminoso que desexa boas festas e que se sitúa entre o Mercadona e o cruce coa Avenida Marín.
E non falemos das aldeas, que alí sexa Nadal ou non non ven un arco luminoso para estas datas.
Na Avenida de Santiago si que teñen alumeado, pero consideran que é pouco. No tramo comprendido entre as rotondas do Invictus e de Figueiroa teñen dous arcos, algo que, comentan, é pouco tendo en conta que se trata unha zona comercial.
Outro caso que observamos cando realizamos esta reportaxe (repito, o xoves) foi que o alumeado de Leicures e Fernando Conde non estaba acendido.
Xa para ir rematando, o que vimos nesta reportaxe é algo que sucede en múltiples concellos (máis cando se trata de cidades) e o que evidencia é un certo abandono de zonas que se quere potenciar.





Deixa unha resposta