Publicidade

Louzao destaca o interese das empresas nas novas parcelas do polígono de Toedo

“É un piar estratéxico para esa A Estrada das oportunidades da que falamos”, asegurou o mandatario estradense

Despois de que o Consello da Xunta dese un paso decisivo para a futura ampliación do polígono industrial de Toedo, este martes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, confirmou o interese que, tanto Concello como Xunta, están constatando nas parcelas das que disporá a ampliación. “Hai demanda no Concello e hai tamén preguntas na Consellería de Economía, polo que é un dos polígonos estratéxicos para o goberno galego”, apuntou.

“Esa demanda de solo no noso concello foi escoitada reforzando eixos fundamentais: por un lado as comunicacións e, por outro, novas ofertas laborais a través da ampliación pública da superficie industrial, dúas oportunidades para o asentamento de poboación que invitan a traballar na creación de vivenda, por iniciativa pública e privada”, asegurou, focalizándose na demanda de residencia que pode aumentar ao incrementarse a demanda de emprego que, á súa vez, veríase beneficiada pola ampliación da AG-59, que permitiría achegarse máis rápido ata a capital galega, a estación de tren e o aeroporto.

Louzao comentou que, este proxecto que ampliará máis dun 80% a superficie do polígono, “é un piar estratéxico para esa A Estrada das oportunidades da que falamos e temos que celebrar que a ampliación deste polígono industrial vai dando os seus pasos”. “É a colmatación a un proceso de competitividade de todos os concellos e é a forma de dotar ao municipio estradense das ferramentas para que o crecemento da nosa capacidade industrial e laboral sexa o axeitado”, afirmou.

Cómpre lembrar que dita ampliación contará dun orzamento de 13 millóns de euros e que se expandirá case 157.000 metros cadrados, acadándose unha superficie de 347.239.

Imaxe de portada: reunión do Concello da Estrada con Xestur, marzo de 2025 // Concello da Estrada

Comentarios

Unha resposta a «Louzao destaca o interese das empresas nas novas parcelas do polígono de Toedo»

  1. […] Máis información Lorenzana en Toedo // Consellería de Economía e Industria […]

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo