O Festival dos Arrieiriños, o primeiro festival pop-rock de Galicia para nenos, celebrará a súa segunda edición o sábado 23 de maio. Faino tras reunir, segundo asegurou este mércores a concelleira de Cultura e Xuventude, Lucía Seoane, máis dun milleiro de persoas na súa primeira edición, celebrada en 2025. O prato forte desta nova edición será o concerto tributo Lembra Xabarín.
Comezará ás 17.30 horas co concerto de Paco Nogueiras, un dos grandes artistas infantís, con numerosos concertos e contacontos ás súas costas. Unha hora máis tarde collerá o relevo o musical La gran aventura del Pollo Pepe, baseado nun dos grandes personaxes da literatura infantil actual. Este pito estará acompañado doutros amigos animais.
A festa pecharase co concerto tributo Lembra Xabarín, co que se lembrarán algúns clásicos do rock que marcaron toda unha época grazas ao Xabarín Club, coma poden ser as cancións dos Diplomáticos de Monte Alto, Heredeiros da Crus, Aeroliñas Federais, A Marabunta ou Sinistro Total, entre outros.
Conducido pola actriz e presentadora Neves Rodríguez, o festival celebrarase na gran carpa que se vai instalar diante do Concello dende mediados de maio. O acceso é de balde.
Imaxe de portada: presentación do festival // Concello da Estrada

Deixa unha resposta