O voceiro do PSOE estradense, Luis López Bueno, valorou a través das redes sociais o balance feito por Gonzalo Louzao do seu último ano de goberno. Mostrouse desconforme coas “declaracións triunfalistas” do rexedor e quixo mostrar a “terrible realidade” do concello a través das últimas imaxes que recibiu por parte da cidadanía.
Louzao presume do “investimento histórico” no rural polo seu segundo aniversario como alcalde
Tamén salientou a súa “Estrada de oportunidades” centrada na ampliación da autovía e do polígono de Toedo e en vivenda · Deixou para o final o pago da débeda da RPT
López Bueno asegurou que Louzao “vive claramente nunha realidade paralela que non se parece en nada ao concello que ‘goberna’”.
En canto aos problemas que lle traslada a cidadanía, comezou citando as “rúas do casco urbano que parecen pistas forestais” e as “pistas nas parroquias que parecen camiños de carros”. Cómpre sinalar que no balance do ano Louzao avanzou que este ano van licitar un plan de asfaltados que vai cubrir case a totalidade das demandas que se lle fixeron durante a visita ás parroquias.
Tamén se referiu ás obras da Farola, que xa encaran a recta final — durante a Festa do Salmón a praza vai acoller unha actuación da París de Noia –, para lembrar que estiveron pechadas “as principais rúas da vila en plena campaña de Nadal para o comercio”. Isto non é do todo certo, pois si que estiveron abertas durante as principais datas do Nadal, permitindo o paso de coches e das cabalgatas.
Reabren ao tráfico as rúas 56 e San Paio ata pasado o Nadal
As obras retomaranse o 12 de xaneiro
O socialista tamén mencionou que o servizo de recollida de lixo está “moito peor que cando el asumiu a alcaldía e aínda sen novo contrato” e que hai “lixo e falta de mantemento en instalacións municipais”. Asemade, referiuse á reforma do vaso grande da piscina, que foi “recortada á metade despois de gastar 500.000 euros públicos, 100.000 por riba do orzamento previsto inicialmente”.
“Eles din que esta é ‘A Estrada que funciona’. Pois debe funcionar para uns poucos só, non para a maioría”, continuou López Bueno.
Rematou preguntándose “se este ano se volveron gastar 10.000 euros en comprarlle aos periódicos a noticia do cumpleanos de Gonzalo na alcaldía. Habemos estar atentos ás facturas”.
Imaxe de portada: estrada desfeita polos temporais entre Ribela e Liripio

Deixa unha resposta