O sevillano Kiko Rivera será o cabeza de cartel da segunda edición do Latexo Fest, un festival gratuíto para a xuventude — aínda que este ano coa intención de atraer novos públicos — que se vai celebrar o 15 de maio. Ademais, abrirá toda a programación cultural que acollerá nos días e semanas seguintes a carpa que se vai instalar diante do Concello.
Completan o cartel os estradenses Carlos López e Telmo — que é residente do Sky –, o morañés MRJ — que leva máis de catro anos pinchando e xa é un referente en Galicia — e o lucense Diego Mirón.
En canto á elección de Kiko Rivera, Carlos López, que ademais de ser un dos DJ é un dos produtores do festival, comentou que coñéceo un público variado, algo que permite atraer novos públicos, sobre todo nunha “época complicada para a xuventude” como é o mes de maio, no que se concentran gran parte dos exames.
Outro dos produtores, André Vázquez, comentou que se busca “unha programación transversal”. Vai comezar ás 23.00 horas, contando “cun público familiar” e terá o seu “colofón” con Rivera, aínda que a festa alongarase ata as 3.00 horas. Os horarios finais confirmaranse nos vindeiros días.
Pola súa banda, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, agardou que “A Estrada volva ser o epicentro” con este festival pensado para a xuventude e destacou que conta con “atractivos diversos para que sexa potente”.
Na primeira edición foi quen de reunir a máis de 1.500 persoas e este ano aspiran a encher a praza. Este ano serán os encargados de estrear a programación da gran carpa que se vai instalar diante do edificio consistorial. Despois deste festival, pasarán por ela Mondra (16 de maio), a Festa do Salmón (17 de maio) e a Feira da Sidra (6 de xuño), entre outros eventos.
Imaxe de portada: presentación do Latexo Fest 2026 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta