Aprobouse a reversión do edificio do antigo Xulgado Nº1 mais non a creación dun espazo interxeneracional alí · O Regulamento de Honras e Distincións saíu adiante · Vaise renumerar varios lugares de Moreira
Por temas
Este xoves o Concello da Estrada celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, marcado por constantes enfrontamentos entre o voceiro do PSOE, Luis López Bueno, e o Partido Popular. Nel aprobouse a creación dun sistema de transporte baixo demanda para o rural, así como o Regulamento de Honras e Distincións, a reversión do antigo Xulgado Nº1 e a renumeración de varios lugares de Moreira.
Transporte no rural
No caso da moción de transporte, presentada Grupo Socialista, López Bueno xustificouna asegurando que existe un “déficit de conectividade entre as parroquias e o casco urbano” e que no Concello “existen documentos abalados por técnicos” que confirmarían esta realidade. En canto ao modelo, comentou que habería que estudalo, pois exemplos coma o do TeoBús — unha liña circular de autobús que percorre todas as parroquias de Teo — tería “difícil implantación” na Estrada.
Propoñen crear un servizo de transporte baixo demanda para os residentes no rural
Dende o PSOE salientan que estaría especialmente pensada para as persoas maiores
Dende o BNG, Xoán Reices, trasladou o voto positivo a esta moción e, dende Móvete, Mar Blanco Casais, lembrou que “manifestamos en moitas ocasións que é unha cuestión a resolver”. Alberto Blanco, do PP, comentou que esta “non é unha solución” mais “hai que poñer medios para atopar unha solución” e que o que apoiaron foi o “estudo de solucións”. A moción aprobouse por unanimidade.
Regulamento de Honras e Distincións
En canto ao Regulamento de Honras e Distincións, o popular Alberto Blanco xustificou a súa necesidade para “sistematizar honras e distincións”. En resposta a López Bueno, explicou que o regulamento de 1997, non está publicado, polo que “non existe”. Engadiu que servirá para “non facer o ridículo”, en referencia ao nomeamento en 2011 de Olimpio Arca Caldas como fillo predilecto cando “non naceu na Estrada”, senón en Cuntis, polo que lle correspondería, segundo Blanco, o título de fillo adoptivo.
Para que vai servir o Regulamento de Honras e Distincións que vai aprobar o Concello?
Terá varias aplicacións a maiores das honras e distincións
López Bueno sinalou que aos socialistas gustaríalles que a aprobación de certos títulos fose mediante maioría cualificada. “Déixase marxe de discrecionalidade”, asegurou. Toda a oposición abstívose, sendo aprobado só cos votos do PP.
Reversión do Xulgado Nº1
A reversión do antigo edificio do Xulgado Nº1, sito na Avenida Benito Vigo, foi un dos temas que máis debate xerou no Salón de Plenos e non por ese edificio, senón polo antigo Centro de Saúde. A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, espuxo que a reversión “será a custe cero” e que o edificio atópase “en moi bo estado”.
Sería López Bueno quen levaría o debate ao edificio do Centro de Saúde ao asegurar que “botamos en falta vontade” para recuperalo cando “se pode facer a custe cero”. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, alegou que, ao contrario da Xunta, “co Ministerio non é posible a reversión gratuíta da titularidade” e que “o edificio está desguazado”.
López Bueno voltaría facer uso da palabra para explicar que, mentres a Xunta ten unha normativa que permite o cambio de titularidade gratuíto, a Tesourería Xeral da Seguridade Social non. Sinalou que, en todo caso, pode facerse “por réxime de cesión, como ten [en referencia a Gonzalo Louzao] a praia fluvial ou vai ter a Carballeira de Melania”. Engadiu que o Concello “nin negociou” unha posible reforma antes da cesión.
Louzao asegurou que aceptar a cesión sería “un regalo envelenado”. “Vostede dixo que a Tesourería Xeral da Seguridade Social estaría encantada de desfacerse dun edificio que cae a cachos”, asegurou.
Pola súa banda, o voceiro do BNG, Xoán Reices, lamentou que os edificios rematen “abandonándose” e a voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, asegurou que “botamos de menos que non haxa un plan para o edificio do matadoiro, que é municipal”. Sobre este edificio, Louzao sinalou que non hai risco de derrumbamento e que é “difícil” atoparlle outro uso pola súa “fisionomía tan concreta”. A moción do Xulgado aprobouse por unanimidade.

Espazo de encontro interxeneracional
O PSOE presentou unha moción para crear un espazo de encontro interxeneracional no antigo Xulgado Nº1, aínda que sabedores de que a Atención Temperá vaise trasladar alí, o voceiro dos socialistas afirmou que “non nos negamos a outro espazo”.
Engadiu que a proposta nace de “necesidades” que din ter detectado en relación a alternativas de ocio para maiores e xuventude. Sería, segundo comentou, “unha alternativa intelixente ao que hai noutros concellos”.
O voceiro do BNG, Xoán Reices, viu con bos ollos a proposta, asegurando que “hai que xuntar á xente”. A voceira de Móvete, Mar Blanco, engadiu que “a soidade non desexada é a causa de moitas afeccións á saúde mental”.
A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, asegurou que non teñen constacia de que exista tal demanda. “Non é unha realidade necesaria, ninguén viu para pedir ese espazo”, dixo. Engadiu que os maiores do Centro Sociosanitario e do Centro de Día xa comparten actividades coa xuventude — caso do proxecto Ponte las Gafas de Imaxina e Axuda — e que este hipotético centro interxeneracional non podería convivir coa Atención Temperá no antigo edificio xudicial.
Finalmente, e tras un longo debate entre PP e PSOE, a moción foi rexeitada cos votos do PP. Os demais partidos votaron a favor.
Renumeración en Moreira
Outro dos asuntos tratados no pleno foi un erro na numeración das vivendas dos lugares de Moreira Vella, A Pica e A Pía, na parroquia de Moreira. Este erro está vencellado a outro existente no Catastro. A súa corrección aprobouse por unanimidade.
Préstamo de 2 millóns de euros
En materia económica, aprobouse por unanimidade pedir un préstamo de 2 millóns de euros para ir financiando os proxectos dos fondos EDIL. Cómpre sinalar que dos 10 millóns que formarán parte deles, 6 apórtaos Europa e os 4 restantes, o Concello. Con eles reformarase a Casa da Música, construirase o novo edificio dos Servizos Sociais e mellorarase infraestrutura e mobiliario no rural.
Moción de urxencia pola educación
O PSOE presentou de urxencia unha moción para pedirlle á Consellería de Educación máis persoal docente no IES Manuel García Barros e melloras nas súas infraestruturas. O PP rexeitou debater esa moción pola vía da urxencia vencellando a moción á manifestación do pasado mércores e alegando que levan en contacto coa consellería dende “hai 8 meses”. Ao rexeitarse a urxencia da moción, non foi debatida.
Rogos e preguntas
No turno de rogos e preguntas, Luis López Bueno pediu a colocación de espellos que melloren a visibilidade na intersección das rúas Gradín e 25 de Xullo en dirección á PO-213 e na intersección entre Serafín Pazo e Benito Vigo en dirección Silleda. Engadiu a necesidade de limpar a Rúa Deza e de repintar o paso de peóns no acceso ao aparcadoiro do Novo Municipal.
Asemade, trasladou o “malestar” dos veciños que viven preto do Concello pola programación de eventos previstos nesa zona dende o vindeiro venres 15 e ata o remate das festas da Estrada. Preguntou pola relación do Concello co fondo Retorna Galicia Capital, que presentou un proxecto de rehabilitación de vivendas na Estrada. Engadiu que ese fondo é “unha sociedade que non está constituída” e cunha “estrutura de comisionistas”.
Louzao respondeu que “o que lle piden ao Concello é nada diferente ao que piden os veciños” e que “nós estamos ahí para dicir ‘infórmense’”. En resposta a outra pregunta do socialista sobre as obras nos pavillóns dos centros educativos, comentou que están pendentes de adxudicar un préstamo de 700.000 euros para licitar as obras.
Dende o BNG, Xoán Reices solicitou o arranxo de sendas fochancas na 2ª Travesía do Matadoiro, que se terían producido como consecuencia dunha rotura da rede de augas — algo que confirmou o rexedor –, e da Rúa Pérez Viondi, na entrada ao estacionamento do colexio homónimo.
Por Móvete, Mar Blanco Casais preguntou por se se segue entregando a Baby Box, unha “iniciativa que non resolve nada”, segundo dixo; por cando se vai reabrir o Museo Reimóndez Portela e por se se vai facer a Casa da Xuventude, unha proposta “que todos os partidos levamos no programa”.
Sobre a Baby Box, Louzao explicou que se seguen entregando, só que “tráense por lotes”, o que podería provocar atrasos na entrega. “A forma de traballar da empresa é mellorable”, dixo. Confirmou que o Reimondez Portela reabrirase “este ano”.
En relación á Casa da Xuventude, xustificou que non se fixera porque “déronse fondos a cousas que non estaban no programa e que marcaron os estradenses”, como todas as que se inclúen nos fondos EDIL. Asegurou que “non hai data” pero que “está nas prioridades”.
Recoñeceu que a estación “non é digna para ningún uso público” e que “entregar o edificio en ruínas é un agasallo envelenado”. Recoñeceu que “pecamos de pardillos” ao facerse con ela porque “está en moi mal estado”.
Imaxe de portada: pleno da Estrada // Captura de pantalla


Deixa unha resposta