Tres finais a dobre volta: o camiño do Estradense nos playoffs

Tres finais a dobre volta: o camiño do Estradense nos playoffs

Este sábado ás 18.30 horas comeza o camiño do Estradense nos playoffs de ascenso. Será nun partido contra o Atlético Arteixo que se xogará no Novo Municipal e para o que as entradas xa están á venda. Tras este partido, os roxillos terían que xogar outros cinco para poder ascender.

O deste sábado será a ida da semifinal galega. O 23 ou o 24 será a volta no campo do Arteixo. O gañador da semifinal enfrontarase a un Compostela que quedou fóra do ascenso directo nas últimas xornadas ou a un Villalbés que se clasificou case de milagre — antes de xogar o último partido de liga era sétimo e puido clasificarse porque o Somozas e o Boiro empataron –. A ida será o 30 ou 31 de maio e a volta o 6 ou 7 de xuño.

Quen gañe a final galega enfrontarase ao vencedor da final catalana. A ida será o 13 ou 14 de xuño e a volta o 20 ou 21 do mesmo mes.

As entradas para a ida e a volta da semifinal custarán 10 euros para os socios e 15 para os non socios. Xa se poden adquirir en Cepa e Viño Gastrobar, Agasallos e Arco da Vella.

Para animar ao equipo, os roxillos puxeron en marcha un novo concurso de decoración de escaparates e balcóns. Para os establecementos, repartiránse 300 euros para gastar na hostalería e outros 300 para gastar no comercio local.

No caso dos particulares, sortearán unha viaxe a través da axencia de viaxes Simply Travel. Para poder participar, os cidadáns terán que enviar a través das redes sociais as imaxes dos balcóns decorados. Para adquirir bandeiras, poderase chamar á empresa Costecero a través do teléfono 675 866 551. Custan 15 euros.

Outro dos actos será o recibimento ao Estradense o vindeiro sábado ás 17.00 horas nos exteriores do Novo Municipal.

Presentación da campaña, este martes // Concello da Estrada

Imaxe de portada: celebración da clasificación nos playoffs // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo