Colocouse no que naquel momento era a Praza de Ramiro Ciorraga, trasladouse á alameda, retirouse dela e agora regresa ao seu espazo orixinal. Este sería o resumo do que viviu a fonte que estes días se está colocando na Farola e que, amais de volver á súa praza orixinal, volve coa espiga de mármore que foi protagonista de tantas instantáneas que quedan no recordo dos estradenses.
A espiga de mármore branco colocouse este xoves, tendo que ser trasladada polos operarios municipais dende o Museo Reimóndez Portela — onde estaba almacenada — ata a Farola. O propio museo foi o encargado de sometela a unha restauración despois de que hai varias décadas chegara ás súas dependencias en tres anacos.
“Fíxose entón unha actuación que se encargou de consolidar a base cadrada coa copa (o corpo intermedio), deixando libre a parte superior para que puidera xirar en encaixar”, sinalou Juan Andrés Fernández Castro, director do museo. As tres pezas xa foron unidas por un novo tubo de aceiro inoxidable, substituíndo ao xa deteriorado que tiña antes. O mármore branco atópase erosionado pola auga, mais “o aspecto que estas circunstancias lle confiren queda embelecido”, segundo sinalan dende o Concello.
Tal e como acontecía no século XX, da fonte manará auga por catro caños. A función ornamental desta auga será diferente á de hai un século, cando servía para o abastecemento da poboación.
Acto simbólico
Este sábado ás 10.00 horas o Concello vai celebrar un “simbólico acto” co que a denominada oficialmente como Praza de Galicia quedará aberta á veciñanza na súa totalidade. Aínda que o acto está aberto a toda a veciñanza, enviouse un convite a veciños e comerciantes da contorna da Farola.
A Estrada inaugura a Farola este sábado e convida ao acto aos máis afectados polas obras
O convite chegaralles mediante carta
O Concello confirmou que estarán presentes os tres representantes que aportaron ao proxecto: o actual alcalde e quen o executou, Gonzalo Louzao, o actual conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e quen iniciou o proxecto, José López Campos, e o presidente da Deputación de Pontevedra — institución que aportou boa parte do financiamento da obra –, Luis López Diéguez.
Imaxe de portada: a espiga de mármore no Museo Manuel Reimóndez Portela // Concello da Estrada


Deixa unha resposta