O cemiterio de Figueiroa foi escenario este mércores dun emotivo acto no que se colocou unha praca conmemorativa a carón de onde descansan os restos de Virxinia Pereira e do seu fillo Alfonso Daniel. Na ofrenda floral que se realizou estiveron presentes o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao; Noni Araújo, unha amiga de Virxinia Pereira que se encargou de xuntar a nai e fillo; o párroco da Estrada, José Antonio Ortigueira, e varios concelleiros.
Foi Noni Araújo quen aportou a parte emotiva a este acto ao lembrar como foi o momento no que xuntaron a Pereira Renda e ao seu descendente nese cemiterio. “Pepa Varela mais eu traiamos o neno”, comentou. Unha vez baixaron do coche viron a Mundo Blanco, que estaba “teso”. “E dille Pepa Varela: ‘Mundo, queres levar o fillo do maestro?’. Colleu Mundo a caixa do neno, Pepa foi a Arte Novo, colleu unha rosa”, relatou, “bicamos a rosa, non nos podedes imaxinar chorar alí, e levamos o neno, abrimos a caixa de súa nai e xuntiños para a eternidade. Ahí estades!”, dixo visiblemente emocionada antes de lanzar un bico a onde descansan os restos da muller e fillo de Castelao.

Gonzalo Louzao comentou que se lle adica o Ano Cultural a Virxinia Pereira porque, aínda que non ten obra, traballou para “entregarlle ao pobo de Galicia todo o legado de Castelao que tivo na emigración”. Lembrou que algúns dos eventos que se celebrarán antes do remate do ano son unha exposición ao aire libre sobre Pereira Renda e unha homenaxe que fará a EMAE.
Escultura en xuño
Ademais, avanzou que no mes de xuño colocarase a estatua da familia Castelao Renda. Estará na Farola e nela representarase a Castelao, a Virxinia Pereira e ao seu fillo paseando.
Imaxe de portada: Gonzalo Louzao e Noni Araújo // Concello da Estrada


Deixa unha resposta